Uns minutos na BD: Beato de Fernando I e dona Sancha

Publicado el

Hoxe, nestes minutos na BD, imos descubrir o Beato de Fernando I e dona Sancha. Os beatos son comentarios ao Apocalipse de San Xoán, que toman o seu nome do Beato de Liébana, o autor do comentario orixinal do que saíron as copias que comezaron a recibir o nome de “beatos” a partir do século XVI.

Este Beato toma o nome dos seus primeiros propietarios, Fernando I e Sancha, o único que se denomina así, probablemente pola súa importancia rexia. Foi atopado en 1572 por Ambrosio de Morales en San Isidoro de León, e pode considerarse especial porque sendo visigótico e mozárabe, mostra signos de románico. É o primeiro que se realiza no século XI, decórase pródigamente e emprégase o ouro de xeito abundante, sobre todo nas ilustracións introdutorias. Aínda que parece que houbo dúas mans, destaca a uniformidade ao longo da obra.

Na miniatura do folio 7 vese un acróstico onde aparecen encriptados os nomes dos reis, e no colofón pódense ler tamén os seus nomes.

O rei Fernando de Castela casou en 1032 coa infanta dona Sancha, herdeira lexítima dos reis de Asturias e León, que mentres o rei levaba a cabo campañas bélicas, ela dedicouse ao seu pobo: propiciou a celebración do concilio de Coyanza, reconstreu mosteiros e púxoos baixo a protección da Coroa, iniciou a construción da Basílica de San Isidoro de León, etc.

Na actualidade, o orixinal consérvase na Biblioteca Nacional. Este facsímile é a primeira reprodución fiel e íntegra que se realiza, a fotografía realizouse na propia Biblioteca Nacional, con escáneres de alta resolución, con impresión en bifolio sobre medios pregos, tintas especiais e estampación en ouro por serigrafía: todas as técnicas que se adaptan e respectan máis o orixinal.

Reprodúcense tamén os rasgados, restauracións e buratos que se aprecian no orixinal, e o cosido dos cadernos é artesanal con corda de cáñamo tratada. As cabezadas foron feitas con cordel de guarnicioneiro, as tapas de madeira biseladas, as cubertas de pel volta de vacuno, os peches idénticos de pel e metal, etc. É dicir, prácticamente idéntico ao orixinal.

O autor da edición é o doutor en Filoloxía clásica, profesor titular de filoloxía clásica e románica da Universidade de Oviedo, e experto en historia da cultura escrita alto medieval, Alfonso García Leal.

Se queredes consultalo, está dispoñible coa sinatura RA/221.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *