Marzo en feminino: Inmaculada Paz Andrade

Publicado el

O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Con este motivo, desde a Biblioteca Provincial queremos dar visibilidade a mulleres que merecen recoñecemento por ter un papel destacado no ámbito da ciencia, da cultura, da literatura, da arte… Por esto, cada día de marzo publicaremos información sobre unha: unha breve biografía, e todos os materiais que se poden atopar na Biblioteca sobre cada unha delas ou realizado por elas.

O día 7 de marzo temos a Inmaculada Paz Andrade.

INMACULADA PAZ ANDRADE

(Pontevedra, 14 de novembro de 1928)

 

BIOGRAFÍA

Doutora en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela, a súa investigación xira en torno á Física Aplicada, centrada na Termodinámica.

Ao falar de María Inmaculada Paz-Andrade, estamos a referirnos á investigadora que introduciu en España os estudos de  Microcalorimetría en 1964. Ao terminar a súa formación na Universidade de Santiago de Compostela, ampliou os seus estudos e colaborou en investigacións na Universidade de Manchester (Reino Unido) e no Instituto de  Microcalorimetría e  Termogénesis do Centre National da  Recherche  Scientifique,  CNRS (Francia). As súas investigacións centráronse sobre  termodinámica aplicada, estudos  calorimétricos e determinacións de calor específica de sólidos e de líquidos. Un dos proxectos de maior envergadura na súa carreira foi a creación e dirección dun grupo de prevención e extinción de incendios forestais (Grupo  THOR).  THOR é un sistema experto multidisciplinar para predicir o risco de incendios forestais na comunidade galega e no que se inclúen investigadores das tres universidades galegas e do CSIC.

Esta destacada investigadora foi unha das impulsoras da creación da Facultade de Física na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, María Inmaculada Paz-Andrade foi a primeira muller catedrática da Facultade de Física e tivo que facer fronte na súa carreira a numerosos escollos pola súa condición de muller, polas súas ideas políticas e polo “efecto estación” na Universidade de Santiago daqueles anos: chegaban catedráticos doutras comunidades que só pasaban unha tempada de tránsito en Galicia e dedicábanse a desfacer os grupos de investigación constituídos.

Na actualidade é Catedrática Emérita de Física Aplicada, na especialidade de  Termodinámica, e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. Esta importante científica é unha referencia a nivel mundial como especialista en  Microcalorimetría,  Termogénesis e Análise Térmica Diferencial. Ademais, no campo da divulgación científica e a formación académica é autora de máis de duascentas publicacións científicas e dirixiu máis de corenta teses doutorais.

Proba do peso específico desta investigadora é o feito de ser, entre outros,  Visiting  Research  Professor da Universidade de Manchester, Académica da Academia de Ciencias Exactas, Físico-Químicas e Naturais de Granada, Presidenta da Sección de Galicia da  RSEF ou Presidenta do Consello Presidencial  EUROSTAR.

Con respecto á relación entre Muller e Ciencia, son coñecidas as palabras da investigadora: “Si que pensei en tirar a toalla. Ser muller e competir na Universidade é moi duro”. Entre os premios recibidos á súa dilatada carreira investigadora, podemos destacar:

  • Medalla de Oro de la Real Sociedad Española de Física (1992)
  • Premio Galicia de Investigación Antonio Casares y Rodrigo (1999).
  • Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2000).
  • Medalla Castelao (2008).
  • Premio Maria Wonenburger (2008).

 

 

MATERIAIS NA BIBLIOTECA PROVINCIAL

Paz Andrade, María Inmaculada. La Era del vapor y el nacimiento de una nueva ciencia : la termodinámica. Santiago de Compostela : Universidade, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, 1990. Sinatura: GAL/2981

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *