Marzo en feminino: Filomena Dato

Publicado el

O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Con este motivo, desde a Biblioteca Provincial queremos dar visibilidade a mulleres que merecen recoñecemento por ter un papel destacado no ámbito da ciencia, da cultura, da literatura, da arte… Por esto, cada día de marzo publicaremos información sobre unha: unha breve biografía, e todos os materiais que se poden atopar na Biblioteca sobre cada unha delas ou realizado por elas.

O día 7 de marzo temos a Filomena Dato.

FILOMENA DATO MURUAIS

 

BIOGRAFÍA

O debate feminista galego de finais do século XIX ten parada obrigada no certame que se convocaba Ourense en homenaxe a Feijoo. A primeira edición, a autora premiada foi Emilia Pardo Bazán, que foi a controvertida gañadora.

Na edición do 10 de setembro de 1887 Filomena Dato levou o premio co seu texto máis coñecido hoxe, «En defensa das mulleres». Neste poema, recollido despois no seu único libro en galego, Follatos, Filomena Dato combina partes nas que argumenta a sabedoría probada das mulleres con argumentos bíblicos e históricos, con outras nas que debulla unha xenealoxía de mulleres ilustres, entre as que están raíñas e emperatrices pero tamén outras egrexias autóctonas, como María Pita e Rosalía de Castro.

A súa é unha poesía romántica, descritiva, de feitura popular (romances e cantares), onde abrolla a saudade cando está escrita fóra da súa terra. Escritora bilingüe, é colaboradora habitual nos xornais da súa época como El Heraldo Gallego; A Monteira; Patria Gallega; as catalás: La Ilustración Ibérica e Barcelona Cómica; ou as habaneiras: Eco de Galicia, Follas Novas e Galicia. Pronunciou conferencias de comprometido ton antimisóxino en seráns literarios, xogos florais, homenaxes e outras intervencións públicas, como a que ofreceu en 1913 no Círculo de Artesáns da Coruña.

A biografía de Filomena Dato é escura. Coñécense polo agora pouquísimos datos persoais, pero sábese que mantivo desde nova unha estreita amizade coa escritora Sofía Casanova, e proba diso son os poemas que se dedican mutuamente. Con ela, con Emilia Pardo Bazán, Fanny Garrido e outras intelectuais coetáneas, compartiu tertulia e inquedanzas feministas. E como elas, participou activamente na vida literaria da época, como se constata, por exemplo, na súa intervención na homenaxe a Curros Enríquez feita en Ourense en 1913.

Na década dos oitenta Filomena Dato converteuse non só nunha poeta profusamente premiada senón, e sobre todo, nunha das voces máis sobranceiras do feminismo galeguista de entre séculos. De feito é a segunda escritora, logo de Rosalía, que publica un libro en galego no século XIX. O seu era un feminismo católico e «racional», como diría Sara Ínsua, ben diferente do feminismo radical e masculino que caracterizaba ás sufraxistas inglesas contemporáneas. Pero, iso si, nos seus escritos e nos seus discursos constátase o protagonismo das mulleres, especialmente das que pertencían ás clases populares, sobre as que escribiu diversos cadros en verso e prosa salientando as súas cualidades e a súa difícil situación.

En 1906, ano da fundación da RAG, foi nomeada académica correspondente xunto con outras literatas contemporáneas como Carmen Beceiro, Emilia Calé, Sofía Casanova, Sarah Lorenzana, ou Clara Corral Aller.

 

 OBRA

  • Colección de poesías. Establecimiento tipográfico de R. Labajos. Madrid. 1880.
  • La letanía lauretana en verso, Imprenta de La Propaganda Gallega. Ourense. 1887.
  • Poesías gallegas, Imprenta de Antonio Otero. Ourense. 1891
  • Romances y cantares, Imprenta de Antonio Otero. Ourense. 1895
  • A la tuna conimbricense, Imprenta El Eco. Santiago de Compostela. 1898
  • Poesías religiosas, Tipografía El Noroeste. A Coruña. 1911

 

 

MATERIAIS NA BIBLIOTECA PROVINCIAL

  • Dato Muruais, Filomena. Fe : poesías religiosas. A Coruña : Tip. del Noroeste, 1911. Sinatura: M/277
  • Román Alonso, Jesús-Fernando. Filomena Dato : a poeta galega de entre séculos. Ourense : Duen de Bux, 2009. Sinatura: GAL/14516
  •  Dato Muruais, Filomena. Follatos : poesías gallegas. Vigo : Trymar, [2008]. Sinatura: Biblioteca César Antonio Molina – Mercedes Monmany S 869.9-1 DAT fol
  •  Dato Muruais, Filomena. Follatos : poesías gallegas. A Coruña : Deputación da Coruña, 2018. Sinatura: GAL/17115 (Sala 1)
  • Dato Muruais, Filomena. Follatos : poesías gallegas. Ourense : Imprenta de A. Otero, 1891.      M/850.
  • Saunier, E. Neve = Neige [Música manuscrita] / música de E. Saunier; letra de Filomena Dato. 1895. Sinatura: P-74/2
  •  Dato Muruais, Filomena. Penumbras : colección de poesías. Madrid : Establecimiento Tipográfico de R. Labajos, 1880. Sinatura:    BM/3303

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *