Marzo en feminino: Ana Kiro

Publicado el

O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Con este motivo, desde a Biblioteca Provincial queremos dar visibilidade a mulleres que merecen recoñecemento por ter un papel destacado no ámbito da ciencia, da cultura, da literatura, da arte… Por esto, cada día de marzo publicaremos información sobre unha: unha breve biografía, e todos os materiais que se poden atopar na Biblioteca sobre cada unha delas ou realizado por elas.

O día 6 de marzo temos a Ana Kiro.

ANA KIRO

(A Castañeda, Arzúa 1942 – Mera, Oleiros 2010)

 

BIOGRAFÍA

Ana Kiro, raíña da canción lixeira en galego, naceu na parroquia da Castañeda, Arzúa. Emigrou a Barcelona meses despois, pero aos seis anos enfermou de tuberculose e regresou á aldea para recuperarse. Pasou un ano enteiro alí, algo que deixou nela unha fonda pegada, ao carón da súa avoa nunha casa de labranza no rural galego.

Con apenas dezaseis anos, María Dolores marchou clandestinamente a unha emisora en Sant Feliu de Llobregat para participar nun concurso de canto. Gañou. A ledicia foi inmensa, pero ao chegar á casa atopouse coas ameazas da súa nai. A finais dos cincuenta, dedicarse “ao espectáculo” era un desexo impronunciable para a filla dun garda civil. Foi a primeira batalla dunha muller forte disposta a abrirse camiño por si nun contorno tan fondamente machista como a industria discográfica. Casou aos dezanove anos, aos vinte foi nai e aos vinte e tres decidiu separarse, nunha época en que o divorcio era aínda unha entelequia. Atravesa severas dificultades económicas antes de, por fin, dedicarse á súa única vocación: cantar.

Son inicios difíciles nos que procura persoalmente actuacións por todo o Levante ata que en 1966, xa Ana Kiro, firma contrato co selo Belter. É a súa primeira etapa, inserida no movemento “ye-yé”. En 1969 participou no proceso de selección da canción de RTVE para o festival de Eurovisión. O xurado escolleu a canción que presentaba Ana, Vivo cantando, pero preferiu como intérprete a Salomé.

A principios dos setenta, incorpora ao seu repertorio unha canción popular das Rías Baixas con arranxos de Manuel Muñiz. As ovacións do público catalán fan que Ana considere gravala no seu próximo disco. Belter pon moitísimas reticencias; por considerar que dificultaría moito a difusión do disco, pero persevera e a industria claudica. Galicia Terra Meiga acabaría dando título ao LP completo e en 1974 e vendería máis de 100.000 copias. Só ela, e en menor medida Pucho Boedo, sería pioneira en abrir un espazo para a nosa lingua nese difícil contexto dende formas musicais non tradicionais. Éxito entre o pobo, que a recibe cun forte sentimento de pertenza, e indiferenza entre a intelectualidade, que a despacha coa etiqueta da “folclorada”. Percorre a diáspora galega, onde a adoran a través das súas casetes (Caracas, Berna…) e tamén Galicia festa por festa e convértese na raíña absoluta da súa disciplina artística. O seu público abrangue dende anciáns ata “drag-queens”, coas que intercambia perrucas e vestidos.

Dende 1984 grava xa exclusivamente en galego, e lega algúns dos seus temas máis memorables: Galega traballadoraArrastráche-lo cú polas pallasA Banana ou Pídechas o corpo, imprescindible himno da comunidade homosexual galega. Entre os seus méritos cómpre incluír dende a tradución ao galego de clásicos como Toda una vida ou Something stupid ata auténticas reactualizacións das cantigas de escarnio, como A Santiago Pemán. Co cambio de século convértese nunha asidua da televisión tanto como presentadora como actriz. En 2010, un cancro apagou a súa voz, tras corenta anos de carreira, máis de trinta discos gravados e logo de recibir unha multitudinaria homenaxe na súa Arzúa natal.

DISCOGRAFÍA

  • Por última vez, Belter, Barcelona, 1967
  • Vivo Cantando(single), Belter, Barcelona, 1969
  • Galicia Terra Meiga, Belter, Barcelona, 1974
  • Recordando a Galicia, Belter, Barcelona, 1976
  • Canta o galego Manuel Muñiz, Olympo, Barcelona, 1978
  • A miña aldea, Olympo, Barcelona, 1978
  • Que digan misa, Olympo, Barcelona, 1979
  • Neno, neno, Olympo, Barcelona, 1979
  • Unha emigrante máis, Olympo, Barcelona, 1980
  • Galega traballadora, Oympo, Barcelona, 1982
  • A Bamba, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1988
  • Arrastráche-lo cú polas pallas, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1989
  • A flor do toxo, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1992
  • A Banana, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1994
  • Pídechas o corpo, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1995
  • Coa miña xente, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1996
  • Toda unha vida, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1998

 

Adaptación da biobibliografía elaborada por Luís Miguel Alonso e Xabier Vieiro (2011) para o Álbum de mulleres.

 

MATERIAIS NA BIBLIOTECA PROVINCIAL

Kiro, Ana. Recopilatorio [Grabación sonora]. A Coruña : La Voz de Galicia, 2002. Sinatura: Fonoteca 571 KIR rec

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *