Libros prohibidos ao longo dos anos

Publicado el

O 24 de outubro, celébrase no noso país, o Día da Biblioteca, proposta que xorde dende 1997, en recordo da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades, e como instrumento da cultura para mellorar a formación e a convivencia humana.

Con motivo desta celebración poñemos á vosa disposición unha guía de lectura que recolle algunhas das obras literarias que estiveron, ou están, censuradas nalgúns lugares do mundo e que podedes consultar, na Biblioteca Provincial, sen restricións. Os libros prohibidos foron censurados, na súa maioría, por países baixo réximes ditatoriais, polo que incluímos unhas notas nas que indicamos en que países e porque motivo estiveron na clandestinidade. Para os máis curiosos, engadíronse algunhas ligazóns onde atopar máis información sobre esta temática.

Durante séculos os libros foron considerados de carácter perigoso, por iso é polo que se censuraron, secuestraron, prohibiron e queimaron por parte de autoridades que os consideraron unha ameaza para o orde. E é que neles podían xacer ocultas verdades incómodas que abrisen paso ao pensamento e á liberdade.

Houbo censura en todas as épocas e en case todos os lugares, xa que esta é obra de individuos que se atribúen o poder de distinguir o ben e o mal ao seu libre albedrío. Pero como ben di Bermejo Barrera: “Prohibir un libro podía ser a garantía do seu éxito, á fin e ao cabo, como dixo H. Lichtenberg, `se a auga estivese prohibida sería riquísima´” (2016).

A Igrexa creou o seu canon de libros permitidos e as súas listaxes de libros prohibidos, libros que se non eran destruídos ocupaban un lugar secreto nas bibliotecas coñecido co nome do Inferno. Dende entonces e ata agora, as bibliotecas sempre tiveron un papel fundamental neste ámbito, xa que reivindicaron a liberdade na lectura e intentaron frear a censura e incautación de patrimonio bibliográfico.

Le e descarga a guía de lectura aquí: Libros prohibidos ao longo dos anos

Podes acudir presencialmente á Biblioteca para tomar prestados os libros. E lembra que algúns deles tamén están dispoñibles nas nosas plataformas de Préstamo dixital.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *