Encontro literario con César Antonio Molina

Publicado el

 

Por mor da presentación da súa última obra, Tan poderoso como el amor / César Antonio Molina  (GAL/6970), o prestixioso autor César Antonio Molina atoparase cos seus lectores o vindeiro martes, día 30, ás 5 da tarde, na Biblioteca Provincial da Coruña, Sala Molina – Monmany, para falar deste e outros temas.

Tan poderoso como el amor toma o seu título dun verso do Cantar dos cantares: “Porque é forte o amor como a morte”. O libro é unha meditación filosófica sobre a vida e a morte, tomando como escusa o cinema.

Ao longo dun delicado e exhaustivo exame de máis de cen películas, César Antonio Molina medita sobre a vida, o amor e a morte cunha mestría incrible, deixando constancia da alta bagaxe cultural que lle caracteriza, porque nada na cultura é alleo ao interese do escritor: non se cingue unicamente á sétima arte, senón que, na súa probada capacidade para interrelacionar diferentes disciplinas, aborda múltiples aspectos da filosofía, a literatura, a pintura e a arte en xeral.

É a obra dun esixente cinéfilo que viu e escolleu con esmero as películas que se propón desentrañar, pero tamén dun estudioso do cinema, dun crítico que sabe esclarecer cada unha das escenas a ollos menos expertos. E con todo, é en todo momento un libro literario, que se le con facilidade, no que César Antonio Molina expón o seu testemuño persoal e íntimo e cuxa lectura se achega máis á lírica e a poesía que ao estilo ensayístico dun crítico de cinema.

 

“Grávame como un selo no teu brazo, como un selo no teu corazón,

porque é forte o amor como a morte, é cruel a paixón como o abismo;

 é centella de lume, labarada divina;

 as augas torrenciais non poderán apagar o amor nin negalo os ríos.”

Cantar dos cantares

César Antonio Molina

Xunto coa súa muller e tamén escritora, Mercedes Monmany, fixeron doazón á Deputación Provincial da Coruña e, por extensión, a todos os cidadáns, da súa extensa biblioteca e arquivos persoais, quedando así depositados coma un legado á cidade da Coruña, da que ambos se senten parte.

A día de hoxe, a doazón segue aberta e a colección bibliográfica e o arquivo están en continuo crecemento, sendo unha das doazóns máis importantes de Galicia.

Entre a grande cantidade de obras doadas destacan: os orixinais das obras de ambos autores, incluíndo tamén documentación das distintas fases de creación editorial, unha ampla colección de libros dedicados por distintos autores contemporáneos tanto a César Antonio como á súa muller Mercedes, primeiras edicións de autores pertencentes á coñecida como Xeración do 27, unha valiosísima colección de Quixotes, a correspondencia epistolar con numerosos autores contemporáneos de grande recoñecemento tanto nacional coma internacional, numerosos gravados pictóricos asinados polos respectivos autores e unha valiosa colección de obxectos persoais, entre os que sobresaen os seus diplomas, medallas e condecoracións.

Tríptico informativo da presentación

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *