Día do Libro 2020

Publicado el

O 23 de abril celebramos nas bibliotecas un dos días máis importantes do ano. Aínda que este ano estamos nunhas circunstancias especiais, non por iso deixamos de celebralo con todos vos a través de varias canles. Desde a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña preparamos unha serie de accións para este día. Deixámosche a continuación toda a programación:

 

Libros libres na EbiblioDaCoruna

Desde a EbiblioDaCoruna liberamos unha selección de libros libres, que poderás descargar incluso aínda que non sexas socio ou socia da biblioteca dixital, nin ter que identificarte coas túas claves. Son un conxunto de títulos atemporais da literatura. Explora a selección que publicamos de Libros libres na EbiblioDaCoruna, e aproveita para ler algún destes clásicos imprescindibles que aínda teñas pendente.

 

Botamos de menos a Biblioteca

Na Biblioteca botámosvos de menos, tanto aos usuarios que nos visitades asiduamente como aos que coñecemos só virtualmente, a través do club de lectura, do teléfono ou do correo electrónico. Para todos vós fixemos unha compilación de momentos vividos na Biblioteca, de presentacións e encontros con escritores, visitas guiadas, feiras, actividades, concursos, salas, exposicións, talleres, efemérides, conmemoracións…

Pensando en todos eses momentos que compartimos unidos polo amor á literatura, aos libros e ás bibliotecas, fixemos este vídeo, así que vai dedicado para todos vós agardando que esteades ben e vervos axiña novamente. Mentres tanto, enviámosvos moito ánimo.

Agadamos que vos guste! Podedes velo a continuación ou visitalo na nosa canle de YouTube, onde poderás ver máis vídeos da Biblioteca:

 

 

Libro colectivo #euescribonacasa

Este ano non publicitamos un libro ou escritor en concreto, senón que conmemoramos a data redactando convosco un libro propio! Como contamos na web e a través do correo e das redes a primeiros de mes, tratamos de xuntar os vosos relatos motivadores, de entusiasmo, de apoio, inspiradores…e con todos eles construímos xuntos un libro con relatos de confinamento!

A través da vosa participación enviándonos os relatos entre o 1 e o 22 de abril a  biblioteca.info@dacoruna.gal, ou a través das nosas redes sociais co cancelo #euescribonacasa (TwitterInstagram ou Facebook), elaboramos o libro que publicamos na EbiblioDaCoruna, de descarga libre, para que todos teñamos un recordo positivo de que nas peores circunstancias puidemos sacar o mellor de nós.

Esperamos que desfrutedes do resultado, e moitas grazas a todas as persoas que participastes! Poderás lelo aquí mesmo ou na EbiblioDaCorunaEuescribonacasa. Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña

 

 

 

 

“Ilustrísima” de Carlos Casares, nova lectura no Club virtual EbiblioDaCoruna

Hoxe, día 23,  coincidindo co Día do Libro, comezamos a lectura dun dos clásicos da nosa literatura, «Ilustrísima» de Carlos Casares. Estaremos lendo e comentando o libro no club «Arredor dos libros», entre o 23 de abril e o 4 de maio. Se es usuario/a da EbibliodaCoruna, identifícate AQUÍ co teu usuario e contrasinal (se non, date de alta AQUÍ). Desde o propio club podes tomar en préstamo o libro (a partir do día que comeza a lectura, o 23 de abril) e comentar, citar, chatear co resto de participantes… guiado por unha profesional con moitos anos de experiencia.

Como di Manuel Rivas na benvida que nos dedicou, compartir os libros é compartir os soños.

Non é preciso inscrición previa  no club para poder participar. Accede libremente desde calquera lugar e a calquera hora.

Se precisas máis información sobre o funcionamento do club, preme AQUÍ.

 

 

Es de Quijote ou de Sancho?

Esta semana na que o xoves 23 Cervantes e o seu Don Quijote botaranse de novo polos camiños de España, «apretándole a ello la falta que él pensaba que hacía en el mundo su tardanza, según era los agravios que pensaba deshacer, tuertos que enderezar, sin razones que enmendar, y abusos que mejorar, y deudas que satisfacer.»

Para conmemorar o Día do Libro, no Club de lectura virtual temos preparada esta actividade para que poidas responder ao longo de toda a semana. Tamén no  Club  nos sumamos a esta necesidade tan imperiosa da que fala Don Quijote, así que imos acompañar a tan ilustre cabaleiro. Iremos contando e compartindo a nosa lectura de Don Quijote de la Mancha.

A proposta é que nos comentes…

… a túa primeira lectura do Quijote.

… o momento que escollerías, e se queres podes copiar o fragmento.

… Quijote ou Sancho?

 

Anímate a participar! 

 

 

O libreiro ou bibliotecario, de Giuseppe Arcimboldo

A artista Luisa Valdés, que imparte talleres de pintura e conferencias de arte na Biblioteca, introdúcenos de xeito moi ilustrativo no cadro do pintor italiano Arcimboldo coñecido como “O libreiro” ou “O bibliotecario”. Neste vídeo descúbrenos as principais claves deste cadro, de temática tan propia para este Día do Libro. Podes velo aquí a continuación ou visitalo na nosa canle de Youtube, onde atoparás máis vídeos da Biblioteca:

 

 

 

María Canosa fala para a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña

Esta recoñecida e galardoada escritora, cuxo último libro para adultos “O lado do que dormes” protagonizará a lectura do mes de xuño en galego no Club de lectura EbiblioDaCoruna, na sala “Arredor dos libros”, fala para todos os lectores da Biblioteca provincial, dando ánimos para seguir lendo nestes momentos de confinamento. Podes ver o vídeo aquí, no Club de lectura EbiblioDaCoruna ou na nosa canle de YouTube.

 

Libros confit-nados

Como todos sabedes, o 23 de abril é o Día do Libro, e que mellor maneira de celebralo que lendo? Así que colle o teu libro favorito e…

Un momento… falta algo… Ah! Claro! En toda celebración que se prece hai sempre unha torta.

E, como poderiamos compartir unha torta? Xa sei! A grandes males, grandes remedios. Deixámosvos AQUÍ a receita dunha torta riquísima para que poidades saboreala mentres ledes ese libro que tiñades preparado para hoxe.

Así, todos poderemos compartir a mesma torta… Non é o mesmo, pero parece que estamos máis preto.

Agora si é unha celebración digna do Día do Libro!

Que aproveite e feliz lectura!

Ah! E se vos apetece podedes compartir connosco ese momento e mandarnos fotos con (ou de) o voso libro cun anaco da torta, ao correo biblioteca.infantilxuvenil@dacoruna.gal ou etiquetarnos nas redes sociais coa etiqueta #librosconfit-nados.

 

BBTK Infantil: O meu heroe es ti

O libro “Mi héroe eres tú” que podes atopar na sección de Novidades no apartado “De cero a dezaoito” na web da Biblioteca, ou tamén na EbiblioDaCoruna, foi un proxecto desenvolvido polo Grupo de Referencia do Comité Permanente entre Organismos sobre Saúde Mental e Apoio Psicosocial en Situacións de Emerxencia (GR IASC SMAPS). O proxecto contou co apoio de expertos mundiais, rexionais e nacionais dos organismos membros do grupo, así como de pais, coidadores, profesores e nenos de 104 países, chegando a participar máis de 1.700 persoas.

O resultado do proxecto é este libro escrito para os nenos de todo o mundo afectados pola pandemia da COVID-19. “Mi héroe eres tú” debe ser lido por un proxenitor, coidador ou profesor xunto con un neno ou un pequeno grupo de nenos.

Podes atopalo AQUÍ.

 

 

Podes descargar o programa completo aquí: Programa Día do libro 2020. Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña

 

Esperamos que desfrutes da celebración na medida do posible, e desde a Biblioteca mandámosche unha mensaxe de ánimo, agardando volver pronto á normalidade. Mentres tanto, para calquera cuestión, lembra que te atendemos no correo biblioteca.info@dacoruna.gal

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *