Día das Artes Galegas – Domingo de Andrade

Publicado el

Este ano a Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea no Día das Artes Galegas 2020 a Domingo de Andrade. Este virtuoso arquitecto nado en Cee en 1639, foi, xunto con Fernando Casas Novoa, o artífice de moitas das obras barrocas que hoxe en día asoman ás nosas retinas en varias cidades galegas, especialmente en Santiago de Compostela

Comeza a traballar como aparellador na Catedral de Santiago de Compostela, coincidindo coa presenza na mesma do cóengo fabriquero José de Vega e Verdugo desde 1658. Durante estes anos, que se poden considerar como de formación, colaborou con mestres como F. Dantas, B. Cabrera ou Lucas Serrano, adquirindo non só unha ampla formación na arquitectura en madeira senón tamén fortalecendo un perfil intelectual e erudito que foi único entre os arquitectos galegos ata mediados do século xviii.

Os seus comezos como tallista son modestos. Como creador de retablos destacan o tabernáculo da Catedral de Santiago, estrutura que repetirá non baldaquino da Capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense e no baldaquino do Altar Maior da igrexa do Mosteiro de Oseira. De todos os que creou só queda enteiro o das Clarisas de Santiago (1700) e restos do de San Domingos (recompostos e trasladados á parroquia de Santiago de Carril en Pontevedra)

Xa en 1676 é nomeado Mestre Maior das obras da Catedral de Santiago de Compostela, cuxo cabido quería modernizar e arranxar a xa deteriorada imaxe da contorna catedralicia. Así, comeza a levantar, sobre a torre medieval preexistente, a actual Torre do Reloxo (1680), que será unha mostra do gran dominio técnico e estético do seu creador, marcando un estilo que tentarán copiar posteriormente as torres catedrais de Murcia e Santo Domingo de la Calzada. Como contrapunto a esta torre, en 1700 finalizou o Pórtico Real da Quintana, con profusa decoración barroca.

Asi mesmo, traballou no convento de San Domingos de Bonaval: fixo a fachada da portería, os cuartos, acabou o claustro e fixo a celebrada tripla escaleira helicoidal que, nun mesmo oco, conduce mediante ramplas distintas aos diferentes andares do mosteiro e móstranos unha vez máis a pericia técnica e o gusto arquitectónico do seu creador.

Dentro da arquitectura civil, o artista soubo dotar tamén da súa ornamentación característica á Casa das Pomas, á Casa da Parra (1683) e á Casa da Conga (1709) que o comezou, aínda que finalmente a realización derradeira atribúese a Casas Nóvoa. Fóra de Compostela destacan a Sala Capitular da Catedral de Lugo, o Cruceiro e a cabeceira da igrexa do Mosteiro de Santa María, en Sobrado dos Monxes e a Igrexa de San Pedro de Buxantes, en Dumbría.

Desde a Biblioteca Provincial queremos recomendarvos uns títulos da nosa biblioteca dixital  para celebrar con eles o día Día das Artes Galegas:

  1. As fortalezas de Deus : un percorrido polos castelos templarios dos antigos reinos de España”, de Jesús López-Peláez, sobre os castelos da Orde  o Temple.

 2. 50 cousas que hai que saber sobre arquitectura”, de Philip Wilkinson, para coñecer os principios reitores da arquitectura moderna.

3.  “Fotografía  2.  arquitectura no século XIX”, de Helena Pérez Gallardo, sobre a representación da arquitectura española por medio de análises fotográficas.

Esperamos que os gocedes. 

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *