De como veu a nós o silencio

Publicado el

“As gaviotas, os corvos mariños, as pitas do monte de Galicia, /

e toda a fauna que comparte o espazo /

coa angustia do baleiro do inefábel, /

deixaron de cantar neste innecesario mes de marzo. /

Do Cabo Ortegal ao do Fisterra, desde as illas Sisargas /

até as de Ons, desde Mondoñedo a Celanova, /

de punta a punta do nosso salobre e húmido país, /

onde o vento e a chuvia fan visíbeis os rostros /

e os signos escondidos nas pedras. /

A música atonal a que o grande silencio convida, /

ese baleiro murmurio do fundamento aniquilador, /

que nos fai dubidar até do remorso.

Rosalía escoitouno baixo o tanxer das campás, /

e Manuel Antonio na ponte de mando /

do seu cargueiro avistando Cabo Vilán, /

e Pimentel no seu hospital de incurábeis /

onde non hay orgullo que valla.  /

E de novo, agora, nós tamén.”

 

Molina, César Antonio: “De como veu a nós o silencio” (29 de marzo de 2020)

 

Con este inédito e actual poema deleitounos o Dominical de El Correo Gallego o 12 de abril, no artigo “Poemas en tempos do coronavirus”. César Antonio Molina, de estilo inconfundible, asómase ao silencio abisal que nos acompaña estes días. É o silencio que rodea ao que contén a respiración ante a incertidume.

É o silencio tamén do que traballa coas palabras, cunha pluma e un papel en branco, xogando cos versos, elixindo os vocábulos que van formar parte deles, dando forma ás liñas sobre o níveo fondo. Liñas que logo traspasarán estancias, e estes días, chegarannos en forma de píxeles nunha pantalla.

Porque o cálamo de César Antonio Molina non para durante este illamento. Non fai moito foi a publicación do seu último libro “Para o tempo que reste”, onde fai balance da súa traxectoria vital e catívanos con paraxes descoñecidas, con percorridos exóticos cheos de literatura. Desde entón a súa vida foi un bulebule: poemas inéditos aparecen cada día nos distintos medios: “Un país enfermo”, nas páxinas de cultura de ABC, onde escribe xunto a Luís García Montero, Clara Janés, Loreto Sesma, Pablo García Casado, Fernando Beltrán e Diego Doncel e que podes ver aquí :

 

 

Confrontounos ao Covid 19 desde o estoicismo, da man de Marco Aurelio no Diario Montañés, e participou xunto con outros poetas nos movementos literarios #Vandaliadesdecasa e #CulturaEnCasa, lendo poemas do seu último libro:

 

 

Tamén quixo formar parte do vídeo “Madrid, cidade de valentes”, onde máis de 50 personalidades do mundo da cultura mandan mensaxes de ánimo e agradecemento aos habitantes da Villa. E é seu un silencio cheo de dinamismo e presteza:

 

Din José Miguel Giráldez e Paco López-Barxas no seu artigo que “Para el tiempo que reste” contén esa sabedoría relativa que nos ofrece a idade, o tempo e as lecturas e, desde a Biblioteca Provincial non queremos deixar pasar a oportunidade para ofrecervos non anos, nin tempo, pero si todas as lecturas de César Antonio Molina e a súa muller, Mercedes Monmany que, esperamos que xa pronto, poderedes atopar no segundo andar da biblioteca.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *