Centenario Emilia Pardo Bazán

Publicado el

O 12 de maio cúmprese o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, unha das grandes novelistas do século XIX europeo, extraordinariamente popular e traducida en vida a numerosas linguas, que contribuíu de maneira decisiva (como Clarín, Galdós e outros grandes da súa época) ao cambio de rexistro novelístico e á construción da esfera cultural e do canon literario decimonónicos. Intelectual respectada, polémica e vituperada, excelente empresaria de si mesma, notable xornalista, crítica e historiadora da literatura -entre outras moitas facetas-.

 

 

Discurso autógrafo de Emilia Pardo Bazán doado á Biblioteca

Ensinámosvos neste vídeo un discurso autógrafo de 1885 da escritora, que ela mesma donou á Biblioteca en 1887. Esta peza, cedida pola Biblioteca, formará parte da exposición da Biblioteca Nacional de España polo centenario do falecemento da autora.

 

BookFaceFriday de Emilia Pardo Bazán

Este venres pasado publicamos esta imaxe en homenaxe á nosa escritora. Lembrade que os BookFaceFriday é un proxecto colaborativo a nivel mundial que implica a bibliotecas, librarías, persoas lectoras, e todas aquelas relacionadas co mundo da escrita que desexen colaborar. Trátase de publicar os venres imaxes que combinen portadas de libros con persoas reais, para «completar» a imaxe da portada. Trátase de chamar a atención das persoas a través dun xeito orixinal, de presentar e reseñar libros dun xeito divertido, de espertar a imaxinación e animar á lectura.

Este venres recoemdamos deste xeito a biografía de Pardo Bazán de Isabel Burdiel, que está dispoñible tanto na Biblioteca (sinatura GAL/17229) como na EbiblioDaCoruna. Foi unha muller repleta de contradicións estéticas, emocionais e políticas que sentiu á vez cosmopolita, europea e intensamente nacionalista española; reaccionaria e progresista; excéntrica e subversiva e amante da orde. O seu a súa personalidade resulta tan contundente como esquiva e difícil de aprehender. O mérito de Isabel Burdiel á facer un percorrido pola vida e obra desta figura dan complexa.

 

 

 

Emilia Pardo Bazán dispoñible na EbiblioDaCoruna

Temos unha gran cantidade de obras da autora dispoñibles para auto prestar directamente deste a biblioteca dixital. A un clic do voso móbil, tableta ou ordenador, descargade e desfrutade da súa literatura.

 

Últimas publicacións sobre Emilia Pardo Bazán dispoñibles na Biblioteca

Nos dous últimos anos, de cara ao centenario da escritora, saíron do prelo varios estudos sobre a figura de Pardo Bazán. Na Biblioteca poderás atopar, por exemplo, os seguintes entre outros:

Emila Pardo Bazán : unha mente poderosa / María Canosa ; Bea Gregores

Este libro busca achegar a todos os públicos, aínda que especialmente aos nenos, a figura polifacética de Emilia Pardo Bazán a través de momentos da súa apaixonante vida. Sorprenderanos a nena curiosa e gran lectora, a muller namorada e independente e a autora de carácter, rebelde ao rol que se esperaba de toda dama nun ambiente social e familiar privilexiado. A través da lectura, o estudo e unha capacidade de traballo infinita, conseguiu ser recoñecida no seu tempo sobrepoñéndose, en non poucos momentos, ao desdén de moitos compañeiros e académicos mentres era recoñecida, nacional e internacionalmente, por público e crítica.
A ilustración, creada cunha particular utilización de técnicas tradicionais que combinan debuxo e cores acrílicos de gran forza, inspírase e apoiase, ademais de nos textos sinxelos e ben documentados de María Canosa, en fotos e noticias da época, así como en monumentos e edificios que aínda existen hoxe, buscando recrear o ambiente e lugares que frecuentou a autora cunhas imaxes moi recoñecibles e atractivas.

Biblioteca Infantil e Xuvenil: 929 CAN emi / a

 

Movendo os marcos do patriarcado : o pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán / Marilar Aleixandre, María López Sández

As ideas de Emilia Pardo Bazán contribuíron a mover os marcos do patriarcado. Para alén de denunciar a violencia contra as mulleres, a física, dando nome aos mullericidios, e a simbólica; de criticar a asimetría nos xuízos a mulleres e homes; de esixir a fin das discriminacións que impedían ás mulleres estudar e exercer traballos remunerados, identificou algunhas das bases ideolóxicas que sustentan estas discriminacións e violencias, algúns dos mecanismos polos que se exercen, o que hoxe chamamos patriarcado. Exemplos son a doutrina que supón diferenzas naturais, intelectuais e mesmo morais entre mulleres e homes; a negación ás mulleres dos dereitos chamados “universais” asignándolles un destino relativo ao dos varóns e a familia; a crenza en que os homes son donos da vida e morte das mulleres.

Coa súa vida e a súa obra, Emilia Pardo Bazán afirmou o dereito das mulleres a seguir “o seu propio destino”, ao pracer, a tomar a pluma e reivindicar as mulleres “até a última gota de tinta”.

Sala 1: GAL/17723

 

 

A Literatura galega na ollada de Emilia Pardo Bazán : antoloxía de textos / edición de Manuel González Prieto ; limiar de Xesús Alonso Montero

O presente traballo é unha colectánea moi significativa de artigos da Pardo Bazán sobre as letras galegas, nomeadamente as do XIX. Boa parte delas tómaas o noso antólogo do libro De mi tierra (1888) ou das páxinas da Revista de Galicia, dirixida pola propia dona Emilia. Outros foron publicados en revistas e xornais pouco accesibles (La Ilustración Artística, Diario de la Marina, La Nación, El Noroeste…). Certamente, os artigos que González Prieto nos ofrece -algúns pouco frecuentados- permítennos coñecer, no esencial, o que dona Emilia pensaba do rexurdir literario de Galicia.

Os textos reproducidos, gran parte moi pouco coñecidos, son unha invitación para que nos asomemos con interese a esa parcela da obra literaria de dona Emilia na que esta intelectual galega produciu páxinas moi intelixentes sobre as letras galegas do XIX e comezos do XX.

Sala 1: GAL/17680

 

 

Emilia Pardo Bazán e a súa relación coa Biblioteca Provincial

Emilia Pardo Bazán tivo unha relación moi estreita coa Biblioteca Provincial, xa que lle deu un impulso fundamental no século XIX e foi usuaria asidua da mesma. Fai uns meses, o Arquivo publicitou no seu documento do mes a relación de devolución dun centenar de obras prestadas á autora pola Biblioteca, fundamentalmente de autores franceses e rusos dos que ela era especialista, editados en Francia a onde facía frecuentes viaxes. Curiosamente, tamén aparece unha pequena relación de «obras no devueltas todavía».

Podedes ler máis sobre este documento e sobre as pezas que publicita mensualmente o Arquivo na seguinte ligazón: premendo aquí.

 

 

Libros editados pola Deputación sobre Pardo Bazán

A Deputación da Coruña contribúe á difusión do legado da autora publicando diversos ensaios e obras dela mesma ou sobre a súa figura. En concreto, na Biblioteca poderás desfrutar das seguintes:

La Obra periodística completa en La Nación de Buenos Aires 1879-1921 / Emilia Pardo Bazán ; Julia Sinovas Maté [recopiladora]

Publicación en dous volumes. Sinatura: GAL/9514/1 e 2

 

Emilia Pardo Bazán : presentada por ela mesma / Edición e prólogo Xulia Santiso

Dispoñible coa sinatura: GAL/15427

 

El Feminismo en la novela de la Condesa de Pardo Bazán / Teresa A. Cook

Dispoñible coa sinatura: GAL/211

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *