Exposición: Un ano de BookFaceFriday

Publicado el

Este quere ser o catálogo dunha exposición que… finalmente puido ser…
Novembro de 2019
Na biblioteca estamos sempre buscando e esculcando para “copiar” as boas ideas de cousas que fan noutros sitios e, por iso, cando vimos esta iniciativa da Biblioteca Pública de Nova York que se facía co cancelo #bookfacefriday non o dubidamos.
#bookfacefriday é unha iniciativa que leva desde 2014 medrando por Twitter e Instagram e cada vez con máis adeptos que se deixan levar por este xogo creativo no que as caras son substituídas polas portadas de libros de calquera índole… e a Biblioteca Provincial tamén caeu neste xogo, que consiste en subir cada venres unha foto deste tipo ás redes sociais.


A idea é fomentar a lectura e estimular aos lectores a que descubran propostas que noutra situación pasarían por alto. Preténdese demostrar que a lectura non só é un pasatempo tranquilo, senón que tamén é algo creativo e divertido.


A primeira foto que se subiu ao IG foi o 22 de novembro de 2019. Gustounos facela, gustounos o resultado, e… por que non dicilo?? houbo unha aceptación xeral bastante boa que nos animou a seguir adiante.
E así continuamos unhas fotos máis…

E se imos un pouco máis aló??? Sempre queremos máis. Se conseguimos unha foto para cada un dos venres durante un ano, poderiamos facer unha exposición con esas 52 fotos nas vitrinas do vestíbulo.

Un reto para 52 semanas xa que non é do todo fácil atopar un exemplar co que pousar e ademais…, un ano é moi longo e pasan moitas cousas.
Anda que se pasan cousas!!!
Para todos e todas temos un antes e un despois desde o 14 de marzo de 2020. Non imos entrar en detalles porque nos cambiou a forma de ver as cousas, a forma de vivir, a forma de traballar… pero non puido co noso #bookfacefriday… e o reto continuou.

Se non podemos facer as fotos con libros físicos (algúns tiñámolos na casa porque ademais de bibliotecarios tamén nos gusta ler) aínda nos queda a plataforma de libros dixitais, e facémolas na casa con portadas dos libros da EbiblioDaCoruna… e continuamos o reto, non ía o coronavirus frustrar a nosa exposición. É máis, poderiamos dedicar unha vitrina ao confinamento.
E continuamos facendo fotos. E se vos fixades nelas (e non é por presumir) vese como imos evolucionando e as fotos cada vez son máis complexas. En resumo, VIÑÉMONOS ARRIBA!!!


Xa de volta á biblioteca, o protocolo establecido por esta nova normalidade impídenos facer exposicións ou mostras bibliográficas, pero nós non cesamos no noso empeño e queremos dar visibilidade a un traballo que tivo unha grande aceptación por parte do público en xeral, por parte de bibliotecas de todo o mundo, por parte de editoriais, por parte dos autores dos libros, unha iniciativa moi seguida nas redes sociais nas que se sobe ademais de ser un proxecto no que estivo involucrado todo o persoal da biblioteca e… familiares e amigos.
E por iso, porque cada #bookfacefriday que se fixo conta cun equipo detrás sen o que este proxecto sería misión imposible (modelos, suxeitalibros, fotógrafos, atrezo…). Moitas grazas a todos e a todas.

Podedes visitar a mostra no vestíbulo da exposición, ou tamén ver o catálogo premendo aquí:

Un ano de BookFaceFriday. Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *