Premio no X Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas

Publicado el

Os días 10, 11 e 12 de novembro a Biblioteca Provincial estivo seguindo de xeito virtual o X Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas, que se celebrou en Las Palmas de Gran Canaria nas modalidades presencial e virtual. O Congreso está impulsado e organizado pola Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura a través da Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria, e nesta ocasión en colaboración co Gobierno de Canarias, o Cabildo de Gran Canaria e o Concello de Las Palmas de Gran Canaria.

Como se indica na web do Congreso, as bibliotecas públicas levan anos inmersas nun proceso de transformación profunda como consecuencia tanto dos grandes avances tecnolóxicos como dos complexos cambios sociais. Pero desde a chegada da pandemia por COVID-19 as bibliotecas tiveron que adaptarse con rapidez para potenciar os seus servizos virtuais, adaptando os que xa tiñan e implementando outros novos, para poder continuar co seu labor esencial.

Este foi o punto de partida dos dous fíos condutores do Congreso: por unha banda, o novo paradigma das bibliotecas públicas que se está definindo, facendo fincapé no seu papel como un espazo relacional de participación cidadá e axente chave na transformación social cara a sociedades máis inclusivas. E por outra banda, o equilibrio que se precisa entre a prestación de servizos virtuais, que se impulsou a raíz da pandemia, conxugado coa importancia da biblioteca como espazo físico de encontro entre persoas e comunidades, aprendizaxe, acollida e integración.

Ademais, isto conecta co papel das bibliotecas públicas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 das Nacións Unidas, o plan actualmente en marcha para todo o planeta.

Ao longo destes tres días, profesionais das bibliotecas, responsables políticos, xestores de bibliotecas e congresistas do mundo académico estivemos debatendo ao redor destes temas.

Como parte do Congreso, esta edición organizouse unha convocatoria, que patrocinou SEDIC (Sociedad Española de Documentación e Información Científica), que premiaba aos tres mellores vídeos relacionados coa temática do Congreso «O desafío da transformación», poñendo o acento na reflexión sobre o desafío da transformación ao que se enfrontan as bibliotecas públicas.

Utilizando exclusivamente medios propios e gravando só actividades que se teñan desenvolvido posteriormente á pandemia sen interromper o normal funcionamento das mesmas, presentamos a esta convocatoria un vídeo da adaptación e transformación da Biblioteca que pon o acento en mutar para incluir a todas as persoas con diversos intereses e circunstancias e tódolos rangos de idade, que resultou galardoado co primeiro premio, e que agora queremos compartir convosco.

Moitas grazas á organización do Congreso, a todas as persoas e bibliotecas participantes, e a todas aquelas persoas que día a día enchedes a Biblioteca, sexa na súa sede física ou nas súas diversas sedes virtuais. Sodes a nosa razón de ser, e xuntos tratamos de transformarnos para resultar máis inclusivos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *