O primeiro incunable español

Publicado el

No segundo andar da nosa biblioteca, na biblioteca de César Antonio Molina e Mercedes Monmany, podedes consultar algunhas xoias bibliográficas tan interesantes coma o facsímile do Sinodal de Aguilafuente, considerado o primeiro libro impreso en España.

 

Este libro, que contén as actas e documentos complementarios do sínodo diocesano que tivo lugar en Aguilafuente (Segovia), en xuño de 1472, é un incunable, o primeiro incunable español.

Pero antes de nada queremos explicarvos o que é un incunable. Incunable, (do latín: incunabulae, no berce), é todo libro impreso desde a invención da imprenta de tipos móbiles por Johannes Gutenberg ata o ano 1500. O inventor do termo foi posiblemente Bernhard von Mallinckrodt, que chama a este grupo de libros “typographicae incunabula” , na súa obra De ortu et progressu artis typographica. Aínda que foi Philippe Labbé quen, catorce anos máis tarde, estableceu o concepto arbitrario que chega até os nosos días, para determinar se un impreso é ou non incunable (e se pode consultar aquí).

 

Obras coma o Códice Calixtino, do que tamén existe un facsímile na colección da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, son manuscritos anteriores á invención da imprenta e polo tanto non son incunables, aínda que teñan sido erróneamente chamados así nalgúns medios (nova no Faro de Vigo).

 

O editor deste Sinodal foi o impresor alemán, Xoán Párix, que segundo se cre foi chamado polo bispo Juan Arias Dávila, e veu desde Italia para elaborar libros para a diócese. Coñécense oito edicións realizadas por Párix en Segovia, pero o Sinodal é a única que ten coma data de referencia a celebración do sínodo. O historiador de Segovia, Diego de Colmenares, falaba desta obra en 1637, pero non será descrita até a ano 1930, polo coengo arquiveiro Cristino Valverde, no catálogo da biblioteca capitular.

A reedición facsímil desta obra estivo patrocinada pola Deputación Provincial de Segovia e foi publicada polo Instituto Castelán e Leonés da Lingua, coma contribución á mostra “As Idades do Home” (nova en Europapress).

 

 

O significado e valor dos incunables volve poñerse de actualidade nestas datas, xa que durante o 2018 estamos conmemorando o 550 aniversario da morte de Gutenberg, considerado home do milenio pasado pola relevancia que o invento e a súa evolución supuxo para toda a Humanidade. No marco desta celebración están tendo lugar eventos nas cidades de Barcelona e Madrid, e noutras cidades europeas: conferencias, obradoiros, visitas guiadas a imprentas, presentacións de libros e proxección de películas… que completan unha interesante axenda que pode ser consultada desde aquí.

 

 

 

Animámosvos a desfrutar das actividades programadas e por suposto a achegarvos á sala do segundo andar, na que poderedes consultar tanto o Sinodal de Aguilafuente coma tantas outras xoias bibliográficas da nosa biblioteca.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *