O premio nacional de narrativa dedicado por Xesús Fraga

Publicado el

Hai unhas semanas coñeciamos o nome do galardoado no Premio Nacional de Literatura en modalidade de narrativa para 2021, que recaía no galego Xesús Fraga polo seu libro Virtudes (e misterios) por «mostrar cunha prosa moi coidada, no fondo e na forma, a historia de dúas xeracións de mulleres valentes dunha familia en tempos hostís, e adentrarnos nun relato sobre a emigración galega en Inglaterra e América», en palabras do xurado.

Esta novela, que xa fora premiada no 2019 co Premio Blanco Amor da Deputación de Ourense, relata de xeito novelado a historia da propia familia do autor, e está protagonizada pola súa avoa Virtudes, aínda que a súa bisavoa e a súa nai tamén teñen un papel relevante no devir da narración.


Xesús Fraga, nado en Londres en 1971, cultiva varios xéneros: é redactor de La Voz de Galicia, xa escribira relatos e novelas antes, así como literatura xuvenil e ademais é tradutor ao galego e ao castelán de autores como Julian Barnes, Vladimir Nabokov ou Sylvia Plath.

Na Biblioteca temos varios exemplares da obra premiada, tanto en formato dixital accesible na EbiblioDaCoruna, como en formato físico coa sinatura GAL/17778 (Sala 1). Tamén hai un tercer exemplar do libro traducido ao castelán polo propio autor, coa sinatura D14894 869.9-31 FRA vir.

Pero queremos destacar un cuarto exemplar que se conserva na Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany, con unha das dedicatorias máis orixinais que temos visto de entre todas as que figuran na extensa biblioteca de libros asinados polos seus autores aos dous persoeiros que dan nome á sala. Neste caso, a traballada dedicatoria consiste nun plano de metro coas estacións de Londres, onde se ambienta boa parte da novela, como se se tratase do metro «Monmany/Molina». Tamén se aprecian na dedicatoria referencias a outros lugares que teñen diferente protagonismo na obra.

 

Ademais, os dous literatos mencionados figuran tamén nos agradecementos finais do libro de Xesús Fraga.

 

Un exemplar sen dúbida moi especial, que está dispoñible só para consulta (polo seu valor como libro dedicado polo autor) na Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany da Biblioteca.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *