O noso Quixote favorito

Publicado el

“La libertad es uno de los más preciosos dones que a los hombres dieron los cielos; con ella no pueden igualarse los tesoros que encierran la tierra y el mar: por la libertad, así como por la honra, se puede y debe aventurar la vida.”

Cervantes Saavedra, Miguel de: “Don Quijote de la Mancha”

“En un lugar de la Mancha, de cuyo nombre no quiero acordarme…”. Con esas palabras comezan centos de documentos que se atopan na nosa biblioteca. Temos o orgullo de ter unha das coleccións desta obra máis importantes de toda Galicia, e poucas institucións en España poden superarnos en número e calidade. A obra máis importante escrita en lingua castelá non se merece menos: trátase da primeira novela moderna, que terá gran influencia en toda a literatura posterior e que, aínda hoxe, catrocentos anos despois, segue sendo un referente e unha obra cume da literatura universal. É tamén o libro traducido a máis linguas tras a Biblia e, con máis de catro séculos ás súas costas, séguese reeditando, traducindo e comentando.

 

Na nosa colección pódense atopar verdadeiras xoias encadernadas: no noso fondo antigo temos orixinais de edicións anteriores ao ano 1900, algúns con ilustracións de autores da talla de Gustave Doré, facsímiles da primeira edición e da edición de Joaquín Ibarra de 1780, libros actuais coas ilustracións de Salvador Dalí, Mingote, Saura, Xan López, etc. Soamente dentro da biblioteca particular doada por César Antonio Molina e Mercedes Monmany, grandes amantes de Cervantes e do Quixote, xa nos imos a atopar con centos de exemplares da obra ou relacionados con ela e traducións a moi diversos idiomas: galego, inglés, francés, checo, chinés, italiano… Por non mencionar todas as obras que posuímos noutros soportes: audiolibros, películas e ata música.

 

Con todo, dentro de toda esta amálgama e variedade, existe un (si, un!) que se foi abrindo paso aos poucos nos nosos corazóns bibliotecarios ata coroarse como o noso favorito, non polo seu valor, nin polo seu prezo, nin por estar escrito nun idioma inintelixible, senón porque o mesmo feito da súa existencia xa nos enche de tenrura: trátase de El Quijote Manuscrito polo Colexio Público de Educación Infantil e Primaria “Miguel de Cervantes”, de Marbella, que grazas a esta obra conseguiu o Premio ao Mérito na Educación en 2004. O proxecto comezou como un traballo escolar no que os alumnos escribirían e ilustrarían esta obra inmortal. Pronto, os profesores déronse conta da magnitude e alcance da tarefa e decidiron solicitar a colaboración doutras persoas vinculadas ao centro ou alleas a el. Finalmente participou sobre todo o alumnado, pero tamén antigos alumnos, pais e nais, profesores, xente do mundo das letras, artistas…

Así que se aínda es dos poucos que non liches o Quixote, querémosche dar os parabéns, porque terás a oportunidade de gozar por primeira vez dunha das máis brillantes obras xamais escritas, da man destes pequenos artistas, que non che deixarán indiferente ante o seu gran talento. Pódese consultar na Sala de César Antonio Molina e Mercedes Monmany, no segundo andar da Biblioteca.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *