O facsímile do Pergamiño Vindel na Biblioteca da Deputación

Publicado el

No ano 1914, o libreiro madrileño Pedro Vindel revelou o seu achado dun pergamiño que estaba incluido dentro da encadernación dun libro do século XIV, que era unha copia manuscrita da obra “De officiis” de Cicerón.

Un papel relevante na descuberta tivo tamén o erudito de Pontevedra Víctor Said Armesto, que asesorou a Vindel sobre o fito literario que supoñía o achado.

É un manuscrito único para a lírica medieval e especialmente para a galego-portuguesa. As cantigas de amigo, ás que pertencen as pezas que se recollen no pergamiño, son propias do noroeste peninsular e teñen unha temática amorosa, coa particularidade de ser postas en boca de mulleres. Precisamente o pergamiño contén sete cancións postas en boca dunha muller que espera ó seu amante ausente na Ría de Vigo, incluindo notación musical monofónica para seis destas cancións.

A lírica trobadoresca son composicións de música e letra feitas para o desfrute dos señores da aristocracia e realeza. Consérvanse aproximadamente 1.650 cantigas e o nome de máis de 150 trobadores, con manifestacións por Galicia, Portugal, León e Castela, aproximadamente a partires do 1170.

A este tipo de manifestación literaria pertence o contido do Pergamiño Vindel, escriturado en letra gótica con tinta negra coas iniciais en vermello e azul. Tanto os pentagramas como  o nome de Martín Códax están en vermello. Os especialistas indican que foi feito nin scriptorium profesional e que interviron dous copistas (que reproduciron a letra e a música, probablemente axudados por un músico) e dous rubricadores, que debuxaron a decoración.

A relevancia do achádego ven dada, ademáis de todas estas características, porque contén o primeiro exemplo coñecido de notación musical da lírica galego-portuguesa. O pergamiño dátase entre finais do século XIII e principios do XIV.

Esta folla de pergamiño que na actualidade se denomina Pergamiño Vindel leva depositado máis de corenta anos na Morgan Library & Museum de Nova Iorque, desde 1977 cando foi adquirido pola mesma. Neste período tan só saeu da súa sé durante uns meses en 2017 e 2018 en que foi trasladado a Galicia para ser exhibido no Museo do Mar, en Vigo, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo.

O exemplar que se conserva na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña é unha edición facsimilar do orixinal, o número 449 dunha tirada limitada a 987 exemplares, e pode ser consultado por calquera persoa interesada no mesmo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *