O club de lectura dixital EBIBLIODACORUNACLUB xa está de volta!!!

Publicado el

 

Informámoste de que o vindeiro 1 de outubro retomamos a actividade do Club de Lectura dixital, coas seguintes lecturas:

Club Compartiendo lecturas:

  • “El museo de la inocencia”, do Premio Nobel Orhan Pamuk. Comeza o 1 de outubro.
  • “El verano sin hombres”, da Premio Princesa de Asturias Siri Hustvedt. Comeza o 19 de novembro.

Club Arredor dos libros:

  • “Elisa e Marcela” de Narciso de Gabriel. Comeza o 31 de outubro.
  • “Contos de Santos e Nadal” de Ramón Otero Pedrayo. Comeza o 5 de decembro.

 

Por se aínda non participas no club, deixámosche unha información moi rápida:

 

QUE É?

EbibiodaCoruna Club Lector é un espazo en liña para ler, comentar e compartir lecturas, tanto en castelán como de autores galegos. Un club de lectura dixital aberto as 24 horas no que pode participar calquera persoa usuaria do servizo de préstamo dixital EbiblioDaCoruna.

 

QUEN PODE PARTICIPAR NO CLUB?

Calquera persoa usuaria da EbiblioDaCoruna (o servizo de préstamo dixital da Biblioteca da Deputación). Preme nesta ligazón: https://ebibliodacorunaclub.odilotk.es e identifícate no apartado “Iniciar sesión” co teu usuario e contrasinal da EbibliodaCoruna.

 

COMO FUNCIONA?

O club de lectura ten dúas salas, “Arredor dos libros” dedicado a escritores galegos, e “Compartiendo lecturas”, no que se percorren libros de variada temática e de actualidade en castelán.

Está moderado por unha persoa cualificada con moitos anos de experiencia moderando clubs de lectura e impartindo clases de español e galego. Os clubs de lectura tamén teñen o soporte do persoal técnico da Biblioteca da Deputación.

 

COMO UNIRSE A UNHA SALA E PARTICIPAR?

Unha vez que te identifiques no apartado “Iniciar sesión”, xa podes comezar a seguir calquera das dúas salas, premendo en “Seguir” debaixo do nome de cada unha delas.

Na pestana Información aparece a programación do club para os vindeiros meses e unhas breves indicacións de uso.

Para ler o libro, na pestana Lecturas podes tomalo prestado. Cada libro estará dispoñible a partir do mesmo día en que comeza o club.

Nas pestanas Foro, Chat e Citas podes contestar ás conversas que abre a persoa moderadora, parolar co resto de participantes no club, e compartir as túas frases favoritas do libro.

 

ONDE ATOPAR MÁIS INFORMACIÓN?

Toda a información necesaria para participar no club podes atopala na páxina web da Biblioteca www.dacoruna.gal/biblioteca no apartado EbiblioDaCoruna Club Lector.

Podes demandar outra información se o precisas no enderezo de correo biblioteca.info@dacoruna.gal e no teléfono 981 080 176. Tamén de xeito presencial na sala de Préstamo e Información no primeiro andar da Biblioteca en Riego de Agua 37, A Coruña.

No apartado mencionado da nosa web podes atopar unha guía breve de uso do EbiblioDaCoruna Club Lector.

 

Se precisas dun último empurrón para convencerte e unirte ao Club, podes ver na seguinte ligazón un vídeo no que Manuel Rivas anima a todos os lectores a participar no club de lectura, que ademais comezou coa lectura da súa obra “Vivir sen permiso e outras historias de Oeste”: https://youtu.be/lGHAJMMIY20

E na seguinte ligazón podes escoitar a Pedro Feijoo, con quen fixemos un encontro dixital no Club, reflexionando sobre a lectura para o Club Lector: https://youtu.be/7uFH-Y0r-ag

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *