Mostra bibliográfica Transformación tecnolóxica: a nova era dixital

Publicado el

 

“El verdadero progreso es el que pone la tecnología al alcance de todos.” (Henry Ford)

Do 21 ao 28 de novembro, ten lugar a Mobile Week Coruña, un evento global a pé de rúa que ten como obxectivo acercar a tecnoloxía dixital á cidadanía a través de actividades gratuítas e abertas ao público. Este acontecemento impulsado por Mobile World Capital Barcelona, reúne a artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria nunca iniciativa aberta os cidadáns. O futuro cotián é a temática do evento, que ten o obxectivo de fomentar o debate e a participación cidadá en relación ao futuro da sociedade actual e o Eixe Atlántico.

 

Os propósitos que se queren alcanzar nesta semana son: achegar a tecnoloxía dixital á cidadanía e contribuír á diminución da fenda dixital, crear un espazo de participación entre a cidadanía e as institucións públicas e privadas máis relevantes do Eixe Atlántico, provocar unha reflexión rigorosa sobre o impacto da tecnoloxía dixital na sociedade, informar sobre os beneficios e riscos da transformación dixital, e reforzar e impulsar o papel do Eixe Atlántico na dixitalización do territorio galego.

 

Mobile Week Coruña divide as súas actividades en catro eixes: mWeek TALKS (conferencias, diálogos, presentacións e entrevistas entre expertos), mWeek LAB (workshops, hackatons, datathons e actividades de participación cidadá), mWeek GALLERY (concertos, exposicións ou exhibicións de arte, entre outras actividades) e mWeek KIDS (actividades sobre arte, ciencia e tecnoloxía para nenos).

A nova era dixital ofrécenos unha contorna nova de oportunidades que podemos e debemos aproveitar, sen esquecer que todo iso merece a pena se traballamos para construír un mundo mellor, capaz de axudar a mellorar a vida de moitas persoas.

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña quere, pola súa parte, escoller como tema condutor da mostra expositiva a transformación tecnolóxica na nova era dixital que estamos vivindo. Esta exposición trata de aproximar aos usuarios as tecnoloxías que foron aparecendo ao longo dos anos. Ademais, de proporcionar ao lector unha antoloxía bibliográfica da materia para que nos sexa máis doado comprender os cambios que temos no noso contorna.

O relato expositivo será tamén unha oportunidade para poñer en valor o acervo bibliográfico existente nos diferentes fondos patrimoniais desta casa. Para iso, farase uso de obras descritivas de especial interese con respecto ao seu contido como, por exemplo, libros sobre a evolución da tecnoloxía ó longo da historia.

“A transformación tecnolóxica fai referencia a incorporación das novas tecnoloxías, formas de uso, novas regulamentacións e novos produtos derivados da tecnoloxía” (Arnulfo Arteaga)

 

O que é indiscutible, é que cada individuo percibe a tecnoloxía dun modo diferente, dependendo da idade que teña e ou mesmo do lugar no que habite, xerándose así un concepto aberto.

A incorporación das tecnoloxías dixitais e a aplicación de Internet, xerou un cambio sen precedentes nas economías e sociedades de todo o mundo. “En pouco máis dunha década, duplicáronse con fartura os usuarios de Internet, que xa alcanzaban o 50% da poboación en 2014; hoxe existen máis de 700 millóns de conexións na telefonía móbil, con máis de 320 millóns de usuarios únicos (Pensis, 2016)”.

Para organizar a guía optouse por ofrecer unha bibliografía o máis recente posible, déuselles prioridade a aquelas obras publicadas actualmente. Como complemento da visión global que se quere construír con esta mostra, tamén existe a vitrina outorgada á Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany, na que se mostra a diversidade bibliográfica existente nesta biblioteca.

EVOLUCIÓN HISTÓRICA

A transformación dixital non é un termo novo senón a consecuencia dun proceso que empezou séculos atrás. Ao longo da historia, quedou probado que todos aqueles países que souberon adaptarse ás novas tecnoloxías, resistiron aos cambios sen maior problema. Co obxectivo de comprender que supuxo este concepto, na actualidade, facemos un pequeno repaso sobre a historia desta realidade.

A Industria 1.0 é o primeiro paso dado no século XVIII co inicio da mecanización do traballo. En 1776, apareceron as primeiras máquinas de vapor, que conseguían multiplicar o rendemento das fábricas e a rapidez na distribución do produto.

A segunda etapa ou Industria 2.0 veu marcada por diversos aspectos: o máis importante foron as liñas de montaxe a gran escala dentro das fábricas, ideadas por Henry Ford. Este acontecemento supuxo unha auténtica revolución, xa que permitiu realizar o traballo en cadea a baixo custo. Nesta fase tamén se tivo en conta o uso da electricidade industrial, o avance na creación de novos materiais ou a especialización do traballo.

O terceiro período ou Industria 3.0 sitúase sobre 1970, cando as empresas informáticas fan a súa primeira aparición no mercado. Citamos, por exemplo, os primeiros procesos de control dixital instaurados nas máquinas que conseguiron unha maior produtividade e intelixencia nas fábricas industriais.

Actualmente, vivimos na Industria 4.0 ou na era da transformación dixital, na cal se mesturan axentes que conflúen de forma simultánea, como son: a globalización, a experiencia do usuario, o crecemento da poboación, a sociedade da información, a sustentabilidade, etc. Estes factores revolucionaron calquera modelo pasado e, por tanto, os sistemas creados necesitan ser transixentes para que poidan evolucionar á mesma velocidade que o fai a tecnoloxía.

Na actualidade, a transformación dixital está a lograr restablecer a organización da economía, adaptándose á contorna, ademais de producir unha convivencia cos procedementos tradicionais.

A transformación dixital é a interconexión de diversos sectores da economía dixital e a forma na que cada área adáptase aos novos requisitos que predominan. Esta conversión está dotada de novos compoñentes e novos mecanismos tecnolóxicos: Internet, Big Data, Cloud Computing ou Smart Cities.

Este concepto na evolución do tempo establece unha nova revolución industrial e supón a adaptación das cadeas de valor das diversas áreas da economía para o efecto que introduciu o usuario dixital. Así a todo, a dixitalización caracterízase pola aparición de novos modelos na cultura tecnolóxica: importancia suprema do usuario, incorporación dos traballadores nos procesos de transformación e colaboración en novas contornas.

Esta era de cambio incide na necesidade de afrontar retos nestes novos procesos, xa que son múltiples as portas que nos abre o universo multimedia. As decisións para tomar, en materia competitiva, son importantes, xa que hai saber elixir os mellores servizos para os nosos usuarios: elixir produtos que se queiran transformar, seleccionar a mellor plataforma tecnolóxica ou establecer sistemas abertos en colaboración con outros organismos en contornas dixitais.

O noso país tenta incorporarse a este fluxo inevitable de transformación dixital sen que aínda os datos resulten alentadores. Na clasificación, España atópase no posto 15 entre os 28 estados membros da Unión Europea e no número 45 a nivel mundial.

A mostra bibliográfica poderase ver na entrada da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña dende o 21/11/2018 ata o 15 de decembro de 2018 en horario de apertura da Biblioteca.

 

GUÍA DA EXPOSICIÓN e MOSTRA BIBLIOGRÁFICA NA ENTRADA DA BIBLIOTECA: Transformación tecnolóxica a nova era dixital. Mostra bibliografica Biblioteca Provincial da Coruna

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *