Mostra bibliográfica “Bibliotecas dixitais”

Publicado el

Xa hai moito tempo que as bibliotecas son algo máis que unha colección de libros ordenados e organizados nun edificio. Algo máis incluso que unha colección de libros, soportes de vídeo, audio, revistas, mapas, fotografías, ou calquera outro material que se nos ocorra. Porque dende a aparición dos documentos electrónicos, a biblioteca pode estar onde o usuario queira consultala.

As súas novelas favoritas en .epub, discos completos en .mp3, ver unha película en .avi… Hoxe en día, a xente quere poder obter o documento que sexa no momento que sexa, non máis lonxe dun par de toques de pantalla. E as bibliotecas dixitais son a maneira de conseguilo. É por isto que A Biblioteca Provincial da Coruña decidiu realizar a presente guía e unha exposición denominada O mundo dixital e as bibliotecas, nela ofrécese información sobre as bibliotecas dixitais, EbiblioDaCoruna a nosa propia plataforma dixital de préstamo e unha selección das mellores obras que temos relacionadas co tema.

A IFLA ou Federación Internacional de Asociacións Bibliotecarias e Bibliotecas fai o seguinte manifesto sobre as bibliotecas dixitais : Unha biblioteca dixital é unha colección en liña de obxectos dixitais de boa calidade, creados ou recompilados e administrados de conformidade con principios aceptados no plano internacional para a creación de coleccións, e que se poñen ao dispor de maneira coherente e perdurable e co respaldo dos servizos necesarios para que os usuarios poidan atopar e utilizar eses recursos.

As bibliotecas dixitais, que forman parte integrante dos servizos das bibliotecas, aplican tecnoloxías novas para dar acceso a coleccións dixitais. Nas bibliotecas dixitais, as coleccións créanse, adminístranse e póñense ao dispor de tal maneira que unha comunidade determinada ou un grupo de comunidades poidan utilizalas de maneira rápida e económica.

A misión das bibliotecas dixitais consiste en proporcionar acceso directo a recursos informativos, dixitais e non dixitais, de maneira estruturada e fiable, para dese xeito vincular a tecnoloxía da información, a educación e a cultura nas bibliotecas actuais.

 

Este ano, polo Día das bibliotecas que se conmemora o 24 de outubro, quixemos preparar una mostra bibliográfica sobre o futuro das bibliotecas, onde se poden atopar libros sobre facetas novas das mesmas: makerspaces, gamificación, innovación, creatividade… A transformación das bibliotecas no século XXI.

Descubre máis na mostra bibliográfica que estará en exposición durante os meses de outubro e novembro, no vestíbulo da Biblioteca. Entrada libre durante o horario de apertura (de luns a venres de 8:30 a 20:30 h, e sábados de 9:00 a 14:00 h).

Podes atopar todos os materiais expostos na Biblioteca ou na EbiblioDaCoruna.

Le a guía completa da mostra: Bibliotecas dixitais. Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *