Mostra bibliográfica: A terra es ti

Publicado el

Durante o mes de outubro, ten lugar o Día Mundial do Habitat (primeiro luns de outubro) e o Día Mundial do Aforro de Enerxía (22 de outubro), e como conmemoración escolleuse como tema condutor da mostra expositiva da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, o medio ambiente e o consumo responsable de enerxía.

Esta antoloxía bibliográfica trata de ser unha invitación para que teñamos máis presente o coidado cara ao planeta no que vivimos, concienciándonos de que o saneamento do ambiente é básico para a vida na terra. Ademais de proporcionar ao lector ideas para aforrar enerxía nas nosas actividades cotiás, pequenos xestos que poden axudar a cambiar o mundo no que vivimos.

O relato expositivo será tamén unha oportunidade para poñer en valor o acervo bibliográfico existente nos diferentes fondos patrimoniais desta casa. Para isto, farase uso de obras descritivas de especial interese con respecto ao seu contido como, por exemplo, guías con consellos sobre como actuar para coidar o medio ambiente.

“O medio ambiente é o conxunto de compoñentes físicos, químicos, biolóxicos e sociais capaces de causar efectos directos ou indirectos, nun prazo curto ou longo, sobre os seres vivos e as actividades humanas.” O que é indiscutible, é que cada individuo percibe o medio ambiente dun modo diferente, dependendo da educación que recibise, o lugar do mundo no que habite ou a ideoloxía ou relixión que profese, xerándose así un concepto aberto e subxectivo.

 

A sociedade pensa que o termo só recolle o medio físico pero hai que saber que tamén forma parte do mesmo o medio socio-cultural e económico, que a través da actividade humana condiciona e inflúe de maneira directa nas xeracións vindeiras. É fundamental que todos os seus compoñentes interactúen entre si de forma acorde, para alcanzar un equilibrio que permita preservar os cimentos que sosteñen o conxunto.

Actualmente, o noso planeta sofre cambios a maior velocidade que en épocas anteriores debido á presenza do ser humano, “o maior de todos os axentes de desestabilización biótica que a Terra coñeceu, unicamente o primitivo bombardeo por asteroides produciu un maior impacto sobre os seres vivos do planeta” di  Hickman.

Para organizar a mostra e distribuír os materiais, optouse por unha división temática, correspondéndolle a cada expositor unha cuestión sobre a materia (Coidando do Medio Ambiente, Mensaxe de Futuro, Memoria da Terra, Vida Verde, Axudando ao Planeta e por un Mundo Sostible) e para ofrecer unha bibliografía o máis recente posible, déuselles prioridade a aquelas obras publicadas actualmente. Como complemento da visión global que se quere construír con esta actividade, existe a vitrina outorgada á biblioteca César Antonio Molina e Mercedes  Monmany, na que se mostra a diversidade bibliográfica existente nesta sala.

Non deixes de botarlle unha ollada á guía de lectura!:

Guía de lectura da Mostra Bibliográfica A TERRA ES TI. Biblioteca Provincial da Coruña

One thought on “Mostra bibliográfica: A terra es ti

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *