Marzo en feminino: Xela Arias

Publicado el

O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Con este motivo, desde a Biblioteca Provincial queremos dar visibilidade a mulleres que merecen recoñecemento por ter un papel destacado no ámbito da ciencia, da cultura, da literatura, da arte… Por esto, cada día de marzo publicaremos información sobre unha: unha breve biografía, e todos os materiais que se poden atopar na Biblioteca sobre cada unha delas ou realizado por elas.

Comezamos o día 1 de marzo con Xela Arias.

XELA ARIAS

(Lugo 1962 – Vigo 2003)

BIOGRAFÍA

A súa traxectoria está directamente implicada no devir cultural galego dos anos 80 e 90, como poeta, tradutora, activista, e como profesional no ámbito da edición. A súa familia trasládase a Vigo cando ela ten sete anos, cidade na que transcorrerá o resto da súa vida. Durante o bacharelato comeza a publicar en xornais e revistas (Faro de VigoJornal de Noticias de PortoDornaTintimánCarel…), participa en recitais poéticos e diversas iniciativas culturais. No ano 1980 comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia. En 1996 licénciase en Filoloxía Hispánica. Nos últimos anos da súa vida exerce a docencia en distintos institutos da comarca viguesa.

Pioneira nos labores de tradución ao galego, Xela Arias publica o seu primeiro libro de poemas en 1986. Denuncia do equilibro revela unha voz singular á marxe das marcas poéticas do momento. Interpretacións posteriores apuntan a súa condición de adiantada do que logo serían algunhas das liñas da xeración dos 90. Rupturista, transgresora, valente, ousada, son algúns dos adxectivos utilizados para definir a personalidade creativa desta autora que sorprendeu no ano 1990 cun segundo libro, Tigres como cabalos no que os poemas dialogan coas imaxes fotográficas de Xulio Gil. Mantén a actividade en congresos, recitais e iniciativas culturais e sociais, colabora en publicacións  e os seus poemas inclúense en libros colectivos e en diversas antoloxías poéticas. Traduce a grandes autores da literatura universal, labor polo que recibe diversos recoñecementos, a Medalha do Premio de Traduçao Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, ou o Premio Plácido Castro, póstumo. Forma parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de traducción.

Escritora demorada e reflexiva, a súa obra incide na vocación transgresora e transformadora da palabra poética. No ano 1994 nace o seu único fillo Darío, esta experiencia é a xénese do libro de poemas Dario a diario que ofrece novas lecturas sobre a maternidade. No 2001 publica o seu derradeiro libro de poemas, o rotundo Intempériome.  O seu facelecemento no 2003 coincide coa preparación do espectáculo poético-musical «Vencerse é cousa de se tratar».

 

(Adaptación da reseña que Ana Romaní fixo para o Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega)

 

MATERIAIS NA BIBLIOTECA PROVINCIAL

Moutinho, José Viale. Camiñando sobre as augas / José Viale Moutinho ; traducción: Xela Arias. Vigo : Xerais de Galicia, [1993]. Sinatura: SD 869.0-31 MOU cam

Arias, Xela. Darío a diario. Vigo : Xerais de Galicia, 1996. Sinatura: GAL/5986

Arias, Xela. Intempériome. A Coruña : Espiral Maior, 2003. Sinatura: GAL/10654

Arias, Xela. Quedas en nós. Vigo : Xerais, 2004. Sinatura: GAL/11596

Arias, Xela. Tigres coma cabalos. Vigo : Xerais, [1990]. Sinatura: SD 869.9-1 ARI tig

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *