Marzo en feminino: Maruxa Villanueva

Publicado el

O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Con este motivo, desde a Biblioteca Provincial queremos dar visibilidade a mulleres que merecen recoñecemento por ter un papel destacado no ámbito da ciencia, da cultura, da literatura, da arte… Por esto, cada día de marzo publicaremos información sobre unha: unha breve biografía, e todos os materiais que se poden atopar na Biblioteca sobre cada unha delas ou realizado por elas.

O día 2 de marzo temos a Maruxa Villanueva.

MARUXA VILLANUEVA

(Barrela 1906 – Santiago de Compostela en 1998)

BIOGRAFÍA

Dedicou toda a súa vida ao coñecemento e exaltación da cultura galega. Desde 1971 ata o ano do seu pasamento foi coidadora da Casa de Rosalía, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante en Arxentina desde os 20 anos, alí converteuse nunha cantante de éxito e actriz, ademais de en peza clave da cultura galega en Bos Aires, onde colaborou moi activamente nas actividades a favor da República.

Estivo casada co dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán e xuntos formaron unha compañía teatral estable que levaba o seu nome, ‘Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva’, coa que estreou, entre moitas outras, a obra ‘Os vellos non deben de namorarse’, de Castelao. Durante os anos que botou na Arxentina trabou amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco Amor, Fernando Iglesias “Tacholas” ou co propio Castelao.

En 1949 regresou a Galicia onde chegou a montar unha pequena compañía, ‘Os Labregos’, pero a censura franquista rematou coa súa actividade, o que a fixo voltar a Bos Aires en 1958, desencantada pola situación. En 1962 retorna definitivamente a Galicia e cando en 1971 o Dr. Agustín Sixto Seco foi elixido presidente do Padroado Rosalía de Castro propúxolle a Maruxa atender a Casa Museo, onde tamén viviría a partir de 1974. Desde entón dedicou todo o seu tempo á casa e á obra de Rosalía e converteuse nunha auténtica especialista no tema.

Foi obxecto, tanto en Galicia como en Bos Aires, de numerosos premios e homenaxes, entre eles a Medalla Castelao da Xunta de Galicia e, postumamente, o premio María Casares de teatro. Maruxa Villanueva, que naceu como María Isaura Vázquez Blanco, finou no Hospital de Conxo de Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998 aos 92 anos de idade.

 

 

MATERIAIS NA BIBLIOTECA PROVINCIAL

Pociña, Andrés. Conversas con Maruxa Villanueva na casa de Rosalía / Andrés Pociña, Aurora López. [La Coruña] : Hércules de Ediciones, D.L. 1995. Sinatura: GAL/5512

Dourado Deira, Manuel. A Mestresa da Casa-Museo : unha Rosalía rediviva / Manuel Dourado Deira. A Coruña : Deputación Provincial, 2009. Sinatura: GAL/14152

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *