Marzo en feminino: Isabel Barreto

Publicado el

O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Con este motivo, desde a Biblioteca Provincial queremos dar visibilidade a mulleres que merecen recoñecemento por ter un papel destacado no ámbito da ciencia, da cultura, da literatura, da arte… Por esto, cada día de marzo publicaremos información sobre unha: unha breve biografía, e todos os materiais que se poden atopar na Biblioteca sobre cada unha delas ou realizado por elas.

O día 3 de marzo temos a Isabel Barreto.

ISABEL BARRETO

 

BIOGRAFÍA

Aventureira, descubridora e primeira muller almirante dunha frota, a galega Isabel Barreto de Castro tivo unha vida de novela que, porén, case non foi publicitada e para moitos é descoñecida. Barreto naceu en Pontevedra hai agora 450 anos, aínda que algunhas fontes discuten a súa orixe e para situala en Lima ou en Portugal. As brétemas da historia fan dubidar se era neta de Francisco Barreto, un mariño portugués de quen herdou a súa paixón pola navegación. Outros estudos sosteñen que era filla de  Nuño Rodríguez  Barreto, conquistador do Perú. Pero moitos máis datos apuntan á súa orixe pontevedresa. E o que resulta indubidable é que viviu unha vida chea de aventuras.

Sendo nena, Isabel Barreto trasladouse coa súa familia ao  Virreinato do Perú, onde aos 18 anos contraeu matrimonio co adiantado Álvaro de Mendaña. Dez anos despois da súa voda, o 16 de xuño de 1595,  Barreto embarcou na frota que o seu marido organizou para fundar unha cidade nas illas Salomón, descubertas por el mesmo uns anos antes. Catro barcos e 378 tripulantes compoñían a expedición, na que viaxaba o cronista portugués Pedro Fernández de  Quirós, con quen a navegante galega mantivo constantes desencontros.

A frota de Mendaña descubriu as illas Marquesas, para navegar logo cara ás illas  Salomón. Este arquipélago foi así bautizado polas míticas minas do rei  Salomón, que os españois esperaban atopar alí, seguindo unha antiga lenda inca. Pero, na illa de Santa Cruz, Álvaro de Mendaña enferma gravemente de malaria e falece o 18 de outubro de 1595, despois de ditar ordes de nomear á súa muller gobernadora de terra e ao seu cuñado,  Lorenzo  Barreto, almirante da expedición. Con todo, a morte destes último poucos días despois deixa a Isabel  Barreto tamén co cargo de “adiantada do mar océano”. Convértese así na primeira muller na historia que accede ao almirantado.

Pedro Fernández de  Quirós deixa escrito este nomeamento na súa crónica da viaxe: “Deixou por herdeira universal e nomeada por gobernadora a dona Isabel de  Barreto, a súa muller, porque da súa Maxestade tiña  cédula particular con poder para nomear á persoa que quixese”, escribe. Co mando completo da frota, Isabel  Barreto vive algúns conflitos nas illas  Salomón. O máis grave foi o levantamento dos indíxenas tras o asasinato do seu caudillo, chamado  Malope, a mans dos soldados españois. A almirante ordena entón partir cara a Filipinas, onde chegará nunha accidentada viaxe o 11 de febreiro de 1596, sete meses despois do inicio da expedición.

As crónicas de  Quirós aseguran que Isabel  Barreto foi cruel e desapiadada ao mando da frota. Relatan que mandou aforcar aos mariñeiros que discutiron as súas ordes, como sucedeu no caso dun tripulante que baixou a terra a recoller uns cocos, desatendendo as súas instrucións de non abandonar o barco. O pobre astroso rematou pendurando do pau maior.

Pero novas investigacións dubidan da veracidade de  Quirós, quen odiaba a  Barreto. Milagros Bará, nun recente artigo, apunta a que había no cronista unha intención de desacreditar á almirante, en primeiro lugar pola súa propia condición de muller: “Quirós describíaa no seu diario como unha muller de carácter  varonil, autoritaria,  indómita e decidida a imponer a súa vontade  despótica”.

O cronista chegouna a acusar, durante a travesía, de ‘roubar a escasa auga de que dispoñían para gastala en lavar con ela a súa roupa’, e de pasearse por cuberta ‘coas súas perlas brancas e os seus encaixes inmaculados’. Son, evidentemente, dous estereotipos machistas.

Do que non hai dúbida é sobre que Isabel  Barreto era unha persoa destemida. E, tras casar de novo, agora co xeneral Fernando de Castro, participou noutra expedición que a levou a  Acapulco e a  Guanaco. Ao seu regreso a Lima, algunhas fontes din que faleceu. Outros autores cren que regresou a España, para reclamar os seus dereitos sobre as illas  Salomón. Esta segunda versión afirma que rematou os seus días en Galicia.

Isabel  Barreto, nada hai agora 450 anos, marcou un fito como a primeira almirante da historia.  Pero foi un personaxe pouco coñecido, seica polo feito de ser muller. Pero a vida desta aventureira, navegante e descubridora ben merecería unha novela…

 

 

MATERIAIS NA BIBLIOTECA PROVINCIAL

Iglesias, Arturo: Sabela : almiranta dos mares do sur / Arturo Igelsias ; ilustracións de Xosé Tomás. [A Coruña] : Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2017. Sinatura: GAL/17118 (Sala 1).

Rodríguez, Anaír: Pioneiras : galegas que abriron camiño / Anaír Rodríguez ; ilustracións de Nuria Díaz. Vigo : Xerais de Galicia, 2018. Sinatura: 929 ROD pio / v (Sala Xuvenil).

Marco, Aurora:   Dicionario de mulleres galegas : (das orixes a 1975) / Aurora Marco. [Vigo] : Promocións Culturais Galegas, D.L. 2007. Sinatura: 9/297 (Sala 2).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *