Mapas facsimilares do século XVI do mundo e de Europa

Publicado el

Entre as novas obras que teñen chegado para ampliar a colección legada polo escritor César Antonio Molina e a súa muller Mercedes Monmany, contamos con dous curiosos mapas facsimilares, ambos extraídos do Tomo I da obra: “Nuevo Atlas o Teatro del Mundo” de Juan Jannssonio, do ano 1653, do que o orixinal se atopa na Biblioteca do Senado (Madrid).

O primeiro destes mapas é do ano 1647 e titúlase: “Nova Totius Terrarum Orbis Geographica ac Hydrographica Tabula” firmado por Henricus Hondius (1597-1651), que figura como autor, e Johannes  Janssonius (1588-1664), que firma na parte inferior central do documento. Trátase dun mapamundi en dous hemisferios que teñen 26´5 cm de diámetro e forman parte dunha folla de 50 x 59 cm. Conta con marxes graduadas, representación do relevo por montes de perfil, representación da hidrografía e no que os continentes aparecen diferenciados por distintas cores. Nos mares aparecen naves da época e nas esquinas aparecen medallóns cos retratos de Xulio César, Claudio Ptolomeo, Xerardo Mercator e Jodocus Hondius. Tamén aparecen arredor dos hemisferios os catro elementos da natureza, outras escenas, notas explicativas e unha dedicatoria en latín e grego. No verso deste mesmo mapa aparece a copia facsimilar dun texto en español, pertencente a ese mesmo Tomo I do “Nuevo Atlas o Teatro del Mundo”, no que se fai unha descrición do universo.

O segundo mapa é do ano 1641 e está titulado “Europa Exactissime Descripta”. Nel figura como autor Henricus Hondius (1597-1651). Trátase dun mapa de Europa de 38 x 51 cm, nunha folla de 50 x 60 cm. Conta con marxes graduadas, representación do relevo por montes de perfil, representación da hidrografía, abundante toponimia, e aparecen diferenciadas por distintas cores as división administrativas. Nos mares aparecen naves da época, no ángulo superior esquerdo unha cartela barroca co título, e no dereito outra que pon: “Ludovico XIII Galliarum et Navarrae Regi Christianissimo. Europae hanc Tabulam DD. Henricus Hondius”.

No verso deste mesmo mapa aparece a copia facsimilar dun texto en español, pertencente a ese mesmo Tomo I do “Nuevo Atlas o Teatro del Mundo”, cunha ampla explicación sobre Europa.

Ambos mapas veñen nun estuche de grandes dimensións (58 x 35 cm) co escudo de España e a palabra “Senado” en letras douradas. Acompaña un folleto de 7 páxinas: Presentación por el Presidente del Senado de la edición facsímil de los mapas de Janssonius “Nova Totius Terrarum Orbis Geographica Hydrographica Tabula” y “Europe Exactissimi Descripta”.

Tamén temos neste estuche un certificado de autenticidade no que figuran os datos da publicación facsimilar, que é do ano 2007.

Atópanse en mobles especiais para planos, pechados baixo chave, da sala de César Antonio Molina e Mercedes Monmany, situada no segundo andar do edificio da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña. As signaturas topográficas dos mapas son (100) MUN nov para o primeiro e (4) EUR eur para o segundo. Alí poden ser consultados por calquera visitante que así o solicite.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *