Facsímile do “Tesoro de la Lengua castellana o española” de Sebastián de Covarrubias.

Publicado el

Nesta ocasión, aproveitamos este apartado no que falamos de temas relacionadas coa Sala de César Antonio Molina e Mercedes Monmany, situada no segundo andar da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, para dar a coñecer un dos facsímiles de máis recente incorporación á colección.

Trátase dun facsímile diferente, pois a reproducción do orixinal é mediante microfotografías, algo que nos lembra aos microfilmes, que tan de moda estiveran na primeira metade do século XX, aparecendo en diversos filmes de espionaxe. De feito, na nosa biblioteca temos un lector de microfilmes, para poder consultar os fondos microfilmados dos que dispoñemos na hemeroteca.

O Tesoro de la lengua castellana o española é un dicionario do español, obra do erudito Sebastián de Covarrubias, publicado orixinariamente no ano 1611. Trátase do primeiro dicionario xeral monolingüe do castelán, o primeiro no que o léxico castelán é definido nesta mesma língua. É tamén o primeiro dicionario deste tipo publicado en Europa para unha lingua vulgar.

O facsímile do que dispoñemos é unha copia da edición do ano 1611, feita polo impresor Luis Sánchez en Madrid, e conservada na biblioteca da Sociedade Hispánica de América (Library of the Hispanic Society of America). Sociedade esta que é, precisamente, a que fai esta edición facsimilar en Nova Iorque, no ano 1927.

Debido ao pequeno tamaño da letra, a edición ven acompañada dun lector: “The Fiske Reading Machine”, que ven acompañado dun folleto en inglés con instrucións para o seu uso.

Atopamos poucos exemplares desta edición facsimilar nos catálogos das bibliotecas. Un dos poucos casos é o da biblioteca da Universidade Canadiense de Sherbrooke. Pero si que se pode acceder ao orixinal dixitalizado, ou ben na Universidade de Sevilla ou en Google Books

 

 

 

 

 

 

 

“Tesoro” dixitalizado na Universidade de Sevilla

 

Agardamos que todo isto supoña un novo aliciente para visitar esta Sala da biblioteca e admirar este e tantos outros exemplares de interese directamente.

“Tesoro” dixitalizado en Google Books

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *