Facsímile do Lazarillo de Tormes

Publicado el

Na Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany, situada no segundo andar do edificio da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, podedes atopar curiosidades coma a edición facsímile do Lazarillo de Tormes atopado en 1992 dentro das paredes dunha casa en Barcarrota (Estremadura).

Nunha nova do diario El País do 19 de decembro de 1996, fálase de que esta edición confirma que a obra foi escrita coma unha falsa carta e que carecía de puntuación.

Trátase dunha edición que ata o achado era descoñecida, datada en Medina do Campo no ano 1554.

Nesas mesmas paredes apareceron tamén outras dez obras, nove impresas e unha delas un manuscrito descoñecido: La cazzaria, de Antonio Vignali, diálogo obsceno do que había algunhas edicións do século XVI.

O propietario da biblioteca debía de ser un reformista, ou un converso, ao tratarse de obras consideradas perigosas para a época, textos que foron perseguidos pola censura do período, que chegaron a figurar nos índices de libros prohibidos elaborados pola Inquisición, non só a española, senón tamén a portuguesa.

Poida que a razón do ocultamento fose precisamente unha inspección inquisitorial, non querendo o dono dos documentos destruílos.

A Xunta de Estremadura foi a que promoveu a adquisición e salvagarda de todos estes documentos, poñéndoos ao mesmo tempo a disposición dos estudosos mediante un programa de restauración e edición facsimilar. Este programa coñeceuse co nome de “Biblioteca de Barcarrota”, e iniciouse, precisamente, coa edición facsimilar do Lazarillo.

Trátase dun exemplar encadernado en pergameo, extraído das páxinas dun libro de coro.

Pódese consultar na Sala e está localizable na signatura SE 860-31 VID

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *