Especial Semana do Cómic

Publicado el

Esta semana, do luns 17 ao domingo 23, celébrase o Festival «Viñetas desde o Atlántico» na cidade da Coruña, unha cita anual creada no ano 1998 e dirixida por Miguelanxo Prado. Exposicións, conferencias, presentacións e artistas invitados conforman unha variedade de actividades organizadas para ser un escaparate do mundo do cómic a nivel internacional.

A Biblioteca únese á celebración recomendando durante toda esta semana o descubrimento do formato para aqueles que non o coñecen, e novas variedades do xénero para aqueles que xa son seguidores. Banda deseñada, tira cómica, novela gráfica, webcomic, manga… a variedade é case infinita. Pero o obxectivo é o mesmo: desfrutar de historias ilustradas.

Este ano, ademais, o punto forte que se quere destacar é o cómic destinado ao público infantil e xuvenil, aquel no que prende a afección a calquera xénero literario de xeito máis sólido.

Máis información sobre o festival aquí: Viñetas desde o Atlántico

Unímonos a esta celebración recomendando cada día un cómic para público infantil e xuvenil e un para adultos. Ségueos nas nosas redes sociais!

 

Na Biblioteca tamén atoparás unha gran selección de cómics, tanto para os máis novos na Biblioteca Xuvenil como para o público adulto no primeiro andar. Búscaos no catálogo e solicítaos coa túa cita previa, ou pregunta ao persoal.

 

 

E na EbiblioDaCoruna temos todo un carrusel de recomendados para que poidas elixir e lelos comodamente desde a casa. Premiados como Paco Roca, recoñecidos como Tony Sandoval (que firma o cartel desta edición do Viñetas), versións gráficas de obras supervendas de Paul Preston ou Nacho Carretero, clásicos do humor como Quino ou os inmortais para o público xuvenil de Mortadelo e Filemón. Hai para todos os gustos! Preme AQUÍ para atopar o teu exemplar.

 

 

Por outra banda, queremos recomendarche que leas esta entrada que lle dedicamos no seu momento ao cómic de Paco Roca (Premio Nacional do Cómic) «El tesoro del cisne negro», unha historia baseada nos feitos reais do caso Odyssey, felizmente resolto grazas ó Ministerio de Cultura, que dirixía naquela época César Antonio Molina, e para o que traballaba como diplomático Guillermo Corral van Damme, coautor do libro… Non che intriga? Detrás de cada cómic pode haber unha grande historia. Preme AQUÍ para descubrir a que agocha este.

 

 

E finalmente, queremos lembrarche que con ocasión do Viñetas desde o Atlántico 2017 elaboramos unha Guía de lectura de cómics recomendados, con unha selección que che pode dar ideas e que podes ver premendo AQUÍ.

E, como non podía ser doutro xeito, tamén vos deixamos unha guía con cómics para a rapazada. Preme AQUÍ para vela.
                                                                               

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *