Día Mundial do Teatro 27 de marzo

Publicado el

A conmemoración do Día Mundial do Teatro comezou a facela o Instituto Internacional do Teatro ITI en 1961, e celébrase cada 27 de marzo (que foi a data de apertura da tempada do Teatro das Nacións en París en 1962) tanto polos centros ITI como pola comunidade teatral internacional. Entre os eventos que se realizan destaca a Mensaxe do Día Mundial do Teatro, para o cal persoas moi recoñecidas son convidadas polo Instituto Internacional do Teatro a compartir os seus pensamentos sobre o teatro. A primeira mensaxe foi pronunciada por Jean Cocteau en 1962, ao ano seguinte do inicio da celebración.

Neste ano 2021 a encargada de elaborar e promulgar a mensaxe é Helen Mirren, unha das actrices máis reputadas e con unha carreira máis recoñecida tanto no teatro como na televisión ou no cine.

A continuación deixámosvos unha tradución informal da súa mensaxe ao galego, feito desde a tradución oficial ao castelán:

 

“Que período tan difícil para o mundo do espectáculo, para todos os artistas, técnicos, tremoístas e para as mulleres que loitaron por esta profesión tan estigmatizada pola inseguridade económica.

Pode ser que esta situación de inseguridade permanente lles volveu máis fortes para poder sobrevivir esta pandemia con dignidade.

A súa imaxinación foi traducida nestas novas circunstancias en formas de comunicar, inventivas, imaxinativas, conmovedoras, todo isto por suposto grazas a Internet.

Os seres humanos cóntanse historias desde tempos moi remotos, desde que existimos no planeta.

A marabillosa cultura do teatro vivirá mentres habitemos a terra. A impulsión creativa dos escritores, dos deseñadores, dos cantantes, dos actores, dos músicos e dos directores, non será xamais estrangulada e nun futuro moi próximo desenvolvésese outra vez con forza e cunha nova maneira de ver o mundo.

Estou ansiosa!»

Helen Mirren.

 

Desde a Biblioteca tamén queremos poñer todo o noso énfase no desexo de que o teatro siga pervivindo a través das dificultades actuais. E aínda que non é o mesmo, ante a imposibilidade de moitas persoas de asistir a espectáculos presenciais deixámovos algunhas ideas para desfrutar e compartir teatro.

 

Carrusel de lecturas na EbiblioDaCoruna

Na biblioteca dixital poderás atopar moitas propostas de teatro para ler, tanto clásicos como propostas máis actuais, da literatura galega, española ou estranxeira. Nas imaxes de máis abaixo tes algún exemplo. Elixe a túa obra da EbiblioDaCoruna premendo aquí

 

 

BDRecomenda… Teatro!

Desde fai uns meses, cada semana estamos recomendando unha batería de materiais relacionados con unha temática de actualidade. Esta semana recomendamos obras de ou sobre o teatro para todas as idades. Podes ver aquí o vídeo coas recomendacións:

 

 

Recomendación da Biblioteca Infantil e Xuvenil

Como recomendación especial da Biblioteca Infantil e Xuvenil temos a obra As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, unha divertida incursión de Carlos Casares na literatura para público infantil, que gañou en 1973 o Concurso de teatro infantil galego. A historia comeza cando cinco laranxas xigantes e estrañas nacen no limoeiro da horta de Elías e Anxa. Cando Elías toca unha delas, estala e co estrondo acoden os veciños. A partir deste momento vanse fiando disparatadas e divertidísimas anécdotas.

Editado pola Consellería de Cultura, o libro acompáñase dunha guía didáctica de 71 páxinas, polo que pode ser empregado como material de traballo na escola. Podedes pedir ambos materiais coa sinatura T 869.9 CAS lar / a.

Na Bibioteca tamén temos outra edición do Consello da Cultura Galega editado como homenaxe ao escritor Carlos Casares no ano 2017, ano dedicado á súa memoria. Imprimíronse cincocentos exemplares numerados, dos cales temos o número 317. Con un limiar de Ramón Villares e un estudo realizado por Montse Pena Presas, acompáñase tamén de ilustracións de Luis Seoane. Este material non é de préstamo, pero sí se pode consultar coa sinatura FGA/490.

Trátase dun coidado facsímile da edición orixinal de Galaxia de 1973, da que tamén temos un exemplar na Biblioteca, de consulta, coa sinatura BM/529.

Deixámosvos asemade unha imaxe desta manualidade baseada na obra que realizamos nunha das actividades abertas para público infantil e xuvenil da Biblioteca, na que se poden apreciar as personaxes fundamentais do drama.

 

Premios Rafael Dieste de textos teatrais da Deputación da Coruña

Coa intención de incentivar a creación literaria en lingua galega no campo teatral, que constitúe unha das expresións artísticas con maior incidencia social e en lembranza do xenial escritor e dramaturgo rianxeiro, a Deputación Provincial da Coruña convoca o Premio «Rafael Dieste» de textos teatrais cada dous anos. Podedes atopar máis información premendo aquí.

Queremos animarvos a ler algún destes textos premiados pola Deputación, tédelos na Biblioteca.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *