O 2 de abril celébrase, en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen, o Día Internacional do Libro Infantil, que promove o IBBY (International Board on Books for Young People). Desde 1967 diferentes bibliotecas, librarías, lectores, asociacións e organizacións relacionadas co libro infantil aproveitan para facer fincapé no importante que é a lectura desde a primeira infancia.
Desde a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña unímonos a esta celebración, coma tódolos anos. Esta vez coas seguintes propostas:
Lémosche un conto de títulos
Un conto para nenos e nenas feito a partir de títulos de libros e películas da Biblioteca, que podes ver e escoitar aquí:
Lémosche a mensaxe do Día
O tema de cada ano é elixido por unha sección nacional, que convida a profesionais relevantes do seu pais, tanto da escritura como da ilustración, para que escriban unha mensaxe para a infancia do mundo e que deseñe un cartaz para conmemorar a data. A sección deste ano 2021 é a dos Estados Unidos.
Lemos para vos aquí a mensaxe deste ano, que é de Margarita Engle: «A música das palabras».
Carrusel de lecturas na EbiblioDaCoruna
Na biblioteca dixital da Deputación para todos os concellos da Coruña, á que podes acceder de balde por ser socio ou socia de calquera biblioteca pública municipal de calquera concello da provincia, atoparás un carrusel con moreas de lecturas e audiolibros para público infantil de todas as idades. Accede aquí para tomalas prestadas directamente ao teu ordenador, tableta ou móbil. Estes son algúns exemplos do que poderás atopar:
Retámoste a saber que títulos coñeces de Andersen
Estes días retámoste a que probes se de verdade coñeces os contos do autor… ou se os confundes cos dos irmáns Grimm, Perrault, e outros clásicos da literatura infantil… Fixeches a proba algunha vez? Pois durante estes días nas historias do Instagram (@bibliodicoruna) e do Twitter (@bibliodacoruna) da Biblioteca, así como de xeito presencial, poderás poñer a proba os teus coñecementos para ver se distingues os títulos dun e doutros autores.
Non vos preocupedes. Temén volo poñemos aquí un pouco máis condensado:
Pero lembrade que non debedes premer na solución hasta despois de ter xogado nas nosas redes sociais día a día. Seredes quen de aguantar a curiosidade?
E a Bbtk Infantil déixanos un CARTEL cunha choiva de contos, e unha GUÍA DE LECTURA para que a saboreedes cos máis pequenos e pequenas da casa.