Día do libro 2021

Publicado el

O 23 de abril celebramos do Día Internacional do Libro e dos dereitos das persoas autoras. E as bibliotecas non podemos faltar a unha cita tan importante! Este ano na Biblioteca temos unha felicitación moi especial, un pequeno sorteo, ensinámosvos algunha xoia do noso fondo, e recomendámosvos a obra do galardoado Francisco Brines. Velaquí vai o noso programa:

 

Felicitación con títulos de libros

Que mellor xeito de felicitar o Día do libro que empregando libros? Realizamos unha composición con títulos para reflexionar sobre o significado e o valor dos libros a modo de felicitación para todas as persoas lectoras.

 

Sorteo «Estou lendo…»

Queremos coñecer que libro estás lendo nestes intres e que che está gustando! Comparte con todas as persoas lectoras o título e o autor do libro que te está facendo desfrutar tanto da lectura estes días, e entrarás no sorteo dun lote de libros e produtos promocionais da Biblioteca. Hai catro lotes de agasallos:

  • Para nenos e nenas da BBTK Infantil
  • Para a rapazada da Biblioteca Xuvenil
  • Para as persoas usuarias adultas da Biblioteca
  • Para as persoas que participen a través das redes sociais

Podes participar do luns 19 ao venres 23, ben fisicamente na Biblioteca, ben a través das redes sociais co cancelo #estoulendo

Realizaremos o sorteo a vindeira semana!

 

 

 

Don Quijote na Biblioteca

¿Sabes por que o día do libro se celebra precisamente o 23 de abril? Porque existe a convención de que ese día morreron Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega. Realmente é unha convención, posto que inexactitudes documentais e de interpretación de datas fixeron que se impuxera esa data. Realmente Cervantes morreu o 22 e enterrouse o 23 de abril, e Shakespeare morreu uns días máis tarde.

Como sexa: Cervantes e a súa obra máis universal, o Quijote, é un dos primordiais motivos que leva á conmemoración deste día ano tras ano desde fai xa case un cento. Na Biblioteca dispoñemos dun fondo moi especial de «Quijotes», en diferentes idiomas, ilustradores, adaptacións a idades… E animámosvos a que coñezades un pouco máis destas xoias a través da serie de vídeos que lanzaremos durante toda a semana.

Poderedes velos no YouTube da biblioteca e nas redes sociais Facebook, Twitter e Instagram.

O Día do libro e dos dereitos de autor na Biblioteca Infantil e Xuvenil

Sabes por que se celebra o Día do libro o 23 de abril? E desde cando? Queres saber máis sobre a data e ler algún dos libros que recomendamos para público xuvenil? Pois non podes perder a guía elaborada pola sección xuvenil da Biblio: Guía Día do libro da Biblioteca Xuvenil

 

Poderás atopar ademais na vitrina da entrada á sala Xuvenil varias recomendacións de obras de Cervantes e Shakespeare.

Relato de Raúl Luna del Pozo

 

Día do libro no Club de lectura dixital EbiblioDaCoruna Club Lector

Con motivo do Día do libro, nestas semanas estamos lendo no club dixital dúas novelas exemplares de Cervantes: El licenciado Vidriera e El coloquio de los perros. Se utilizas a biblioteca dixital EbiblioDaCoruna, podes acceder coas mesmas claves aquí: EbiblioDaCoruna Club Lector. Se aínda non estás de alta, solicita a túa alta de balde aquí: Alta na EbiblioDaCoruna.

 

Libros do Premio Cervantes Francisco Brines

O Premio Cervantes, o galardón literario máis prestixioso das letras españolas, entrégase todos os anos o 23 de abril coincidindo co Día do Libro, nunha cerimonia que ten lugar no paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares (a excepción do ano 2020 que se realizou de xeito privado en Barcelona por motivos da pandemia). Este ano suspéndese a cerimonia novamente, esta vez por motivos de saúde do premiado, o poeta Francisco Brines.

A pesar de non ter lugar a cerimonia de entrega, o galardón non perde valor, e por iso queremos recomendar varios dos poemarios do literato ou sobre él, que podedes atopar na Biblioteca, para que conmemoredes o día coa súa lectura:

 

Ensayo de una despedida : poesía completa (1960-1997). Dispoñible na Biblioteca coa sinatura: 2E/219

 

Aún no. Dispoñible na Biblioteca coa sinatura: 3S/7592.

 

La última costa. Dispoñible na Biblioteca coa sinatura: 3M/7444.

 

Antología poética

Antoloxía poética que cubre toda a traxectoria do autor, desde o seu primeiro poemario («Las brasas», 1959) ata o último («La última costa», 1995), ademais de dez poemas publicados con posterioridade, pertencentes a un libro inédito, que iluminan a súa  última etapa. Selección e introdución de Ángel Rupérez. Na EbiblioDaCoruna

 

Francisco Brines

Libro que recolle a lectura de poemas feita polo autor no marco da Aula de Poesia de la Universitat de Lleida (abril de 1997). Na EbiblioDaCoruna

 

Carmen Calvo versus Francisco Brines : [exposición]

Catálogo da exposición mostrada en diferentes centros do Instituto Cervantes grazas á colaboración co Instituto Valenciano de Arte Moderna (IVAM), e nada dun proxecto cuxo obxectivo foi o de facilitar a converxencia entre manifestacións estéticas e intelectuais e a comunicación entre artistas que traballan diferentes linguaxes. O catálogo inclúe poesías de Francisco Brines acompañadas polas 90 ilustracións de Carmen Calvo.

Dispoñible na Biblioteca coa sinatura: SM 75 CAL car (Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany)

 

 

Lembra que tes moitas máis lecturas e libros na Biblioteca e na EbiblioDaCoruna!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *