César Antonio Molina, Académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes

Publicado el

Ao cruzar o Eume por Ferreiros  /

corto flores de toxo /

e fago un ramo de espiñas amárelas. /

A quen llo mandarei?/

Vólvome e contemplo lonxincuo o curso pasado /

E o que virá./

Ao fin lánzoo a todas as miñas ofelias.

MOLINA, César Antonio: “Flores de toxo” (2007)

 

Poemario «Eume», de César Antonio Molina

O sábado pasado, a Real Academia Galega de Belas Artes nomeou  a César Antonio Molina Académico de Honra en virtude dos seus méritos como escritor, profesor, crítico e xestor cultural [Ler aquí a nova].

 

Empezou a escribir poesía na súa temperá mocidade e nunca deixará de ser poeta. A súa paixón pola cultura galega lévalle a investigala na súa tese doutoral, onde estuda e recupera a toda a prensa literaria galega desde principios do século XX ata a Guerra Civil. Posteriormente reunirá e fará unha edición facsímile de revista Alfar, a cuxa presentación na Coruña asistirá o máis florido das letras españolas. Tamén nestes anos comezará a comisariar exposicións, sendo remarcables pola súa calidade as que fixo sobre a figura de Salvador de Madariaga, Wenceslao Fernández Flórez e Gonzalo Torrente Ballester.

Camilo José Cela, Domingo García-Sabell, Gonzalo Torrente Ballester e Francisco Ayala durante a presentación da edición facsímile da revista Alfar

Como xornalista e articulista inicia a súa andaina colaborando con La Voz de Galicia, periódico que anos máis tarde lle concederá o Premio de Xornalismo Fernández Latorre, tras este, colaborará con moitos outros medios de comunicación e chegará a ser director do suplemento de cultura de Diario 16.

El fin de Finisterre: viaje a Costa da Morte, de César Antonio Molina e Xurxo Lobato

Máis tarde comeza unha gran etapa como xestor cultural: nun primeiro momento será nomeado director do Círculo de Belas Artes, lugar desde onde comezará a difundir, entre outras,  a cultura galega por todo o país, pero o maior labor neste sentido, farao desde o seu cargo como director do Instituto Cervantes, onde potenciará o uso e o ensino das linguas cooficiais en todos os centros da entidade, creará as bibliotecas en honra a Álvaro Cunqueiro (en Damasco), a Gonzalo Torrente Ballester (Lisboa) e a Camilo José Cela (Tel Aviv) e realizará unha infinidade de actividades culturais por todo o mundo, que terán como base a difusión da nosa civilización propia.

Reunión de directores do Instituto Cervantes no Pazo de Mariñán. Fotografía de Xurxo Lobato.

Con todo, os máis grandes logros a favor de Galicia en xeral e da Coruña en particular faraos nos seus anos como Ministro de Cultura, como xa vos contamos aquí, foi un dos maiores impulsores da candidatura da Torre de Hércules para converterse en Patrimonio da Humanidade, finalmente declarada en 2009 e que lle levou á concesión do nomeamento de Fillo Predilecto da Cidade, impulsará a creación do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), activará as subvencións estatais ao Festival de Ópera da Coruña, decano dos españois, e posteriormente doará xunto á súa muller, Mercedes Monmany, a súa biblioteca e arquivo familiar á Deputación Provincial e o seu arquivo fotográfico ao CGAI e, en Vigo, impulsará a creación da Biblioteca Pública do Estado “Juan Compañel” [Ler aquí a nova].

Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany dentro da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña

E durante todos estes anos á fronte das institucións estatais, nunca deixou de escribir, sendo novelista, crítico literario, xornalista, pero sobre todo poeta, manténdose no máis alto das letras españolas. E desde esta Biblioteca da Deputación da Coruña, queremos darlle os parabéns por este nomeamento a este viaxeiro e difusor cultural incansable, porque sabemos que leva un anaco da nosa terra con el onde queira que vai, porque como el di “Baixo a ponte de Brooklyn pasa o Eume” e sobre todo porque cremos que este nomeamento, non é senón de “xustiza poética”.

A Coruña: agua y luz, de César Antonio Molina e Xurxo Lobato

 

Ver entrevista a César Antonio Molina no programa La Galería

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *