Cando a cultura é un legado

Publicado el

“…En los veranos nos reunía a sus nietos, algunos venidos de Madrid, y nos hacía leer en voz alta y, uno a uno, el tomo entero de Los miserables. Llorábamos incluso más que leyendo a Dickens, otro de sus autores favoritos. Historia de dos ciudades, la declamaba él solo. Nos entraba un frío polar, en pleno verano, cuando con su mano hacía el gesto de las guillotinas…”

Molina, César Antonio: “La biblioteca de César Antonio Molina”. En: El Ciervo,

n. 785 (en.-feb. 2021), p. 40

 

 

Hai legados familiares que transcenden o meramente xenético e o simplemente material: o gusto pola cociña, pola pesca, pola lectura, polas festas ou pola cultura en xeral son cousas que se poderían encadrar neses pequenos patrimonios inmateriais familiares que nos fogares pasan de xeración en xeración e que fan ás familias únicas entre todas as demais.

 

Así foi como César Antonio Molina adquiriu o seu amor pola cultura e a política, vivindo ambas as dúas desde neno na súa contorna, onde non faltaron nunca nin os ideais, nin as tardes de verán recitando a Galdós, Balzac e Victor Hugo, rodeado dos libros do seu avó e do irmán deste, dos que herdaría os seus dous nomes, o amor polos escritos e as súas magníficas bibliotecas.

 

A súa paixón pola lectura levaríalle a acrecentar estas bibliotecas: os libros adquiridos na Librería Arenas, os da súa época de estudante, os da docencia… A esta devoción pola lectura pronto haberá que sumarlle unha paixón creadora desde os máis diferentes ámbitos: poesía, xornalismo, libros sobre cinema, sobre viaxes, sobre política… E, como non!, a súa alma xemelga atoparíaa noutra namorada da cultura e a literatura, Mercedes Monmany, ávida lectora, crítica literaria e ensaísta de primeiro nivel.

 

Aos libros de ambos haberá que sumarlles os dos amigos, moitos deles recoñecidos escritores do panorama tanto nacional como internacional; os escritos orixinais, as cartas e o arquivo, que nos deixa unha idea da traxectoria  dos seus creadores: as súas penas e as súas glorias, os seus medos e as súas alegrías, o seu percorrido polo esvaradío e apaixonante mundo literario e cultural.

 

A Cesar Antonio Molina queremos agradecerlle as súas eloxiosas palabras cara á Biblioteca Provincial no  seu artigo “A biblioteca de César Antonio Molina”, pero sobre todo querémoslles agradecer a ambos os dous que, do mesmo xeito que a receita de familia que pasa de xeración en xeración, nos leguen a súa herdanza familiar, o seu patrimonio cultural propio, a esta gran familia que somos todos os coruñeses. É unha xenerosidade que lles honra, porque sabemos que entre os nosos estantes, ademais dos libros, escóndense cousas aínda se cabe máis queridas e valiosas, como esas tardes de verán con Galdós, Balzac e as lecturas do seu tío-avó.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *