Biblioterapia: Mostra bibliográfica e guía de lectura

Publicado el

A biblioterapia é un método terapéutico que utiliza o libro e a lectura con fins curativos e que se basea na idea de que os materiais bibliotecarios, incluídos os electrónicos, poden exercer un efecto positivo na recuperación de enfermos físicos e mentais.

A biblioterapia é un método de carácter interdisciplinar que se serve da psicoloxía para entender a conduta e procesos mentais das persoas, da psiquiatría para avaliar e rehabilitar os diferentes tipos de trastornos e da biblioteconomía para seleccionar os materiais máis adecuados para este fin.

Por tanto, debe ser realizada por un equipo tamén interdisciplinar integrado por bibliotecarios, psiquiatras, psicólogos, médicos, asistentes sociais, etc.

Aínda que pode ser empregada en diferentes problemas de saúde ou enfermidades, é frecuente o seu uso en trastornos de saúde mental e
emocionais, en particular cando os síntomas son leves ou moderados. Pode usarse ben como única intervención supervisada ou asociada a outros tratamentos.

Todas as persoas, ao longo da vida deben adecuarse a innumerables situacións nas que ven involucradas; é por iso que resulta necesario comprender cada unha delas para poder avanzar adecuadamente. Observouse que as terapias psicolóxicas, entre as que se atopa a biblioterapia, son efectivas para comprender os cambios aos que se enfrontan as persoas.

 

Na biblioteca provincial da Coruña sumámonos á iniciativa da Xunta de Galicia a través da Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, poñendo en marcha un proxecto para achegarlles aos galegos e galegas as lecturas que mellor poden axudalos.

As lecturas que aparecen nesta guía están clasificadas en relación ao tipo de trastorno ou problema para o cal poden servir de apoio, tamén en función da idade dos destinatarios. Están presentadas para tratar: a ansiedade, autoestima, depresión, duelo, emocións negativas, tensións, trastornos de alimentación, entre outros. Ademais, presentamos unha selección moi  interesante de libros electrónicos referentes ao tema.

A mostra Bibliográfica encóntrase no Vestíbulo da Biblioteca durante os meses de Maio e Xuño do 2019 e na plataforma EBIBLIODACORUNA 

Guía de Lectura da Biblioterapia. Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *