As estrelas na Biblioteca

Publicado el

As estrelas na Biblioteca: mostra bibliográfica e centros de interese no marco do XXIV Congreso Estatal de Astronomía.

 

A Biblioteca Provincial de A Coruña unha vez máis colabora na difusión das actividades culturais que se realizan na provincia no marco da súa acción formativa e apoio ás institucións e organizacións locais. Neste contexto participamos con unha exposición bibliográfica dos nosos fondos, varios recunchos temáticos, e unha selección de recursos electrónicos na EbiblioDaCoruna, na celebración do XXIV Congreso Estatal de Astronomía.

O Congreso Estatal de Astronomía é un congreso é organizado polas Agrupacións Astronómicas de España para mellorar a coordinación de esforzos cos astrónomos profesionais e presentar os últimos avances en investigación amateur. Celébrase desde 1976 en diferentes lugares de España, con periodicidade bienal.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío é a entidade organizadora do Congreso, unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é gozar e compartir a paixón polas noites estreladas e a ciencia da astronomía. En 2020 cumpriu 18 anos, sendo entre as de Galicia a que conta con máis persoas asociadas. É unha das asociacións fundadoras da FAAE (Federación de Asociacións Astronómicas de España) e socia de Cel Fosc (Asociación contra a Contaminación Lumínica).

Igualdade, equidade, diversidade e inclusión é o lema deste XXIV Congreso Estatal de Astronomía que se celebra do 9 ao 12 de outubro de 2021, que pon atención na desigualdade de xénero na ciencia e na accesibilidade. Unha ciencia que inclúe a todas e todos é unha mellor ciencia. O evento representa unha gran oportunidade para a promoción da ciencia e a investigación entre a cidadanía e incidir no impulso das xeracións máis novas. Tamén é unha oportunidade para dar visibilidade ao noso patrimonio cultural e reivindicar a paisaxe nocturna e o potencial de desenvolvemento sostible do astroturismo.

Por outra banda, aproveitamos a ocasión para facer a nosa pequena homenaxe a Ruth  Freitag polo seu gran labor e silenciosa achega ao mundo da Astronomía.

 

MOSTRA BIBLIOGRÁFICA

A exposición divídese en tres puntos focais:

  • ASTRONOMÍA: A historia da astronomía é un reflexo da historia da humanidade, unha ciencia que une a profesionais e afeccionados compartindo investigacións e descubrimentos. Esta sección recolle recursos para afondar no noso coñecemento nesta ciencia, desde libros para principiantes ata manuais máis avanzados. Destacamos as táboas afonsíes, de Afonso X o Sabio, libro medieval que contén unhas táboas astronómicas realizadas por iniciativa de Alfonso X o Sabio, que mostran as observacións efectuadas no firmamento en Toledo desde o 1 de xaneiro de 1263 ata 1272, e que consignan o movemento dos respectivos corpos celestes sobre a eclíptica, posicións exactas e precisas.

 

  • I É A ESTRELA QUE MAIS BRILA: Grazas á iniciativa da Asociación Ío, a estrela de Ofiuco nomeada anteriormente HD 149143 pasou a chamarse fai case dous anos Rosalía de Castro. Xunto a Rosalía de Castro e ao Río Sar, outros dos nomes destes sistemas de estrelas son Macondo e Melquíades, en homenaxe aos Cen anos de soidade de García Márquez, e en Polonia, son Solaris e Pirx en recordo de Stanisław Lem. Nesta mostra non podemos deixar de destacar a obra desta escritora cuxo nome xa brila no ceo.

  • IGUALDADE, EQUIDADE, DIVERSIDADE E INCLUSIÓN: este é o lema do XXIV Congreso Estatal de Astronomía que pon atención na desigualdade de xénero na ciencia e na accesibilidade. Poñemos o foco nas mulleres que fixeron contribucións relevantes na ciencia e con todo son descoñecidas. Tamén mulleres cuxas as súas historias foron borradas dos anais da ciencia ou as súas contribucións fóronlles arrebatadas.

Catálogo da mostra bibliográfica: As estrelas na biblioteca. Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña

 

RECUNCHO TEMÁTICO NA SECCIÓN DE PRÉSTAMO A PERSOAS ADULTAS

Na sección de préstamo están a disposición do público máis recursos temáticos sobre esta ciencia, de entre os dispoñibles no catálogo da mostra que non se atopan en exposición. Ademáis, no fondo da Biblioteca, en todas as seccións, dispoñemos de moitos outros recursos para persoas afeccionadas ou que queiran achegarse máis á materia.

SELECCIÓN DE RECURSOS TEMÁTICOS NA EBIBLIODACORUNA

En paralelo á mostra bibliográfica física da Biblioteca, na EbiblioDaCoruna están a disposición de todas as persoas socias recursos sobre a Astronomía, desde as obras de divulgación de Lucy e Stephen Hawking, ata ensinanzas dos cosmólogos antigos, obras sobre buratos negros, a orixe do Universo, o telescopio Hubble… e tamén sobre astrónomas e físicas que fixeron avanzar esta ciencia, como Katherine Johnson, a física e matemática afroamericana que calculou a traxectoria da misión Apolo XI de 1969 á Lúa.

 

PANEL INFORMATIVO 

No vestíbulo da Biblioteca, al lado da vitrina coa mostra bibliográfica, está disposto un panel con información sobre os planetas, planetas ananos e exoplanetas, e tamén sobre a estrela Rosalía de Castro, cedido pola Agrupación Ío.

 

FOLLETOS INFORMATIVOS

Folletos con información sobre o Sol, a Lúa e a estrela Rosalía de Castro a disposición de calquera persoa que desexe ter esta información condensada. No reverso dos dous últimos folletos citados podemos atopar o mapa do ceo co nome das constelacións en galego, validadas pola Real Academia Galega. Material cedido pola Agrupación Ío.

 

 

Por último, deixamos aquí a ligazón ao Congreso, onde se poden ver todas as actividades e accións no marco do XXIV Congreso Estatal de Astronomía.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *