A qué xogaban na Idade Media?

Publicado el

Xadrez, xogos de dados como Maiores, Triga, Marlota ou Azar puxado, ou xogo das táboas (unha das variantes é o actual “backgammon”)… son algúns dos descritos nos Libros de xadrez, dados e táboas de Alfonso X. Na súa primeira páxina pódese ler “Juegos diuersos de Axedres, dados, y tablas, con sus explicaciones, ordenados por mandado del Rey don Alonso el Sabio”.

Trátase dun manuscrito encadernado en pel, con 98 follas de pergameo, de tamaño de 40 x 28 cm, conservado na Biblioteca do Escorial. O libro rematouse en Sevilla en 1283, un ano antes da morte do Rei, e iniciouse probablemente moitos anos antes debido á cantidade, tamaño e calidade das miniaturas.

O Rei non só encargou a obra, senón que os investigadores demostraron que na súa xénese dirixía a súa composición, e unha vez rematada a obra, corrixíaa. Ademáis isto non exclúe ocasionais aportacións propias, coma no caso das Cantigas.

Deste manuscrito tan especial conservamos unha edición facsimilar na Biblioteca da Deputación, que pode ser consultado por calquera persoa interesada.

O libro dos xogos divídese en sete partes, un número non casual que tamén utilizou no tratado xurídico das partidas entre outras. Hai unha presencia da numeroloxía en toda a obra do Rei, e esta non é unha excepción.

A primeira parte, a máis extensa, está dedicada ao xadrez, introducida en España por influencia árabe, e contén tantos folios como cadrados ten o taboleiro.

Posteriormente trátase de diversos xogos de dados, onde se describe cómo deben ser feitos os dados, e con explicacións apoiadas en ricas e detalladas miniaturas indícanse maneiras de divertirse con estes cubos.

En canto ao libro das táboas, xóganse movendo fichas sobre un taboleiro con axudas de dados, e a variedade actual máis popular é o backgammon. Este libro, como outras partes, iníciase tamén con unha miniatura do Rei dictando o tratado.

 

Os datos da edición dun mansucrito tan interesante coma este conservada na Biblioteca son os seguintes:

Libros del ajedrez, dados y tablas / Alfonso X el Sabio ; [patrocinado por el] Patrimonio Nacional. — Ed. facs. — Valencia : Vicent García ; Madrid : Poniente, D.L. 1987

Signatura: RA/76/1-2

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *