X Aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade

Publicado el

“Na noite sega a herba de ouro /

 Siluetas perdidas viven da súa vida, /

coma min, /

e as estrelas fugaces /

que van cal suco aberto /

na escuma do mar tralos buques. /

Diríase que o seu ollo, ó que ilumina a esperanza, /

Tamén brilla eterno na outra beira.”

 

MOLINA, César Antonio: Torre de Hércules, (2003)

 

 

Hai uns días que a Torre de Hércules celebrou o seu décimo aniversario como Patrimonio da Humanidade da UNESCO. A pesar de que o noso noctámbulo monumento tivese máis de 2000 anos de antigüidade e a súa importancia fose tal que é o símbolo da provincia e da cidade, fixo falta que os astros se aliñasen, dándose tres factores fundamentais para a súa inclusión na lista de monumentos da UNESCO: A creación do Instituto de Estudos Torre de Hércules no ano 2001 por José Luis Vázquez Iglesias, perseguindo este obxectivo; a mediación de Francisco Vázquez Vázquez, alcalde da Coruña nese momento, co Goberno en Madrid; e a chegada ao Ministerio de Cultura de César Antonio Molina, que rescatou o expediente da solicitude do depósito onde fora arquivado por orde da súa antecesora, para sacar o proxecto adiante, poñendo todos os medios que fosen necesarios e conseguindo a distinción nun tempo marca.

 

O labor non foi doado: había dúbidas de se o faro máis antigo en funcionamento do orbe podería pasar os requirimentos técnicos tras as restauracións ás que fora sometido, dificultades con respecto á súa descrición e cualificación, etc. E a competencia foi feroz: a nosa torre disputouse o título coas minas de mercurio máis antigas do mundo, en Almadén e Idrija (Eslovenia), que finalmente o conseguirían no ano 2002 e 2003,  e co centro histórico da cidade de San Luís de Potosí, en México, que tería que esperar ata o ano pasado para conseguir o recoñecemento da UNESCO.

Gañamos. Gañamos porque  a Torre non é soamente o faro máis antigo en funcionamento, é un símbolo co que nos sentimos identificados e que colma a nosa idiosincrasia e cultura popular: alí habitan Hércules, Gerión, Breogán, Hispán, Ith…  Ademais, foi toda unha obra de enxeñería no seu momento: a pesar de ser construída por Gaio Sevio Lupo hai máis de 2000 anos, a Torre da era romana xa alcanzaba os 34 metros. Habería que esperar ata principios do século XX, para que outro edificio a superase soamente por 6 metros: o Edificio Central do Banco Pastor, que no momento da súa construción foi o rañaceos máis alto de España.

Dedicatoria de A. Correa Corredoira a César Antonio Molina

Sería por mor da concesión pola UNESCO do título de Patrimonio da Humanidade á Torre de Hércules que se multiplicarían os recoñecementos ás persoas que o impulsaron e promoveron, e ese mesmo ano, en sesión plenaria, o Concello da Coruña nomearía Fillo Predilecto da cidade a César Antonio Molina, que nos seus anos como ministro, tamén impulsará a creación da sede da Coruña do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), activará as subvencións estatais ao Festival de Ópera da Coruña, decano dos españois, e posteriormente doará xunto á súa muller, Mercedes Monmany, a súa biblioteca e arquivo familiar á Deputación Provincial.

Nomeamento de César Antonio Molina como fillo predilecto da cidade

E desde esta Biblioteca da Deputación Provincial, queremos sumarnos ás felicitacións que estes días se dan a todas as persoas e organizacións que axudaron a facer posible que a Torre de Hércules sexa  hoxe a luz que guía a todos os habitantes do planeta, en especial a César Antonio Molina, polo labor esencial que realizou respecto diso, e convidamos a todos os coruñeses a coñecela consultando os nosos fondos no segundo andar da Biblioteca.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *