Abracadabra n.41: por unha cidade máis ecolóxica

Publicado el

 

Xa está aquí o número 41 da REVISTA INFANTIL E XUVENIL ABRACADABRA Este número está adicado a crear e construir unha cidade máis ecolóxica. E, o meu primeiro paso é contárvolo, por se aínda non decidistes o voso propósito, ou se vos queda oco para un máis. Porque, para levar a cabo isto, cantos máis sexamos mellor.

 

Entón, apuntádesvos?… Xenial!!!!! Sabía que non me fallariades. Estiven dándolle voltas a este tema para saber que cousas se poden facer (ou non facer) e como levalas a cabo. Así que se me ocorreu facer un decálogo, porque 10 cousas parecen pouco, así é máis doado cumprilas e se todos e todas as facemos suporía un gran cambio. Ademais, tamén é máis doado crear un hábito (lembrade que un hábito créase en 21 días), para que sigamos facéndoas tamén o ano que vén…

En fin, aquí teño o decálogo:

1 – Atención á comida: Tenta consumir no posible alimentos ecolóxicos porque son respectuosos co medio natural, a natureza e os animais, ademais de non estar modificados xeneticamente e ser máis saudables; de comercio xusto, para asegurar que non estean asociados á explotación de persoas; de quilómetro cero, que son os producidos localmente, porque así se reducirán as emisións de CO2 do seu transporte. Ademais, tenta non comprar máis comida da que necesitas para que esta non acabe no lixo.

2 – Utiliza produtos de cosmética e hixiénicos (desodorizante, xampú, xel, crema hidratante,…) ecolóxicos, así como os produtos de limpeza do fogar: desta maneira podes contribuír a manter os conservantes, perfumes sintéticos, deterxentes, químicos tóxicos,… fóra do teu corpo, da túa casa e

do medio ambiente.

3 – Aforra enerxía: apaga a luz cando non esteas nunha habitación; utiliza lámpadas de baixo consumo (led); non deixes o computador ou a televisión en stand-by; pensa canta luz é necesaria antes de acender… porque ao aforrar enerxía reduces contaminación xa que tamén estás a aforrar recursos naturais.

4 – Usa a auga con moderación: ducha rápida mellor que baño; pecha a billa mentres lavas os dentes; non deixes as billas pingando; recomenda na casa programas curtos de lavadora; recolle a auga da choiva para regar as plantas,… porque a auga é un recurso limitado e moi importante.

5 – Minimiza o lixo: tenta crear o menor número posible de residuos, así, non utilices elementos dun só uso (pratos e cubertos de plástico, servilletas e panos de papel,…), evita no posible produtos envasados, di non a todo o de plástico,… e tenta compactar o máximo que poidas o lixo porque así usarás menos bolsas para as porcalladas, ao mesmo tempo que os camións do lixo poderán meter as bolsas de máis xente e facer menos viaxes, co que se reduce ademais a contaminación que eles producen.

6 – Recicla: xa sei que este punto está moi relacionado co anterior, pero decidín poñelo nun punto distinto para darlle máis importancia a ambos. Tenta separar os teus residuos para colaborar na reciclaxe, porque cando reciclas estás a axudar a recuperar materias primas, aforrar enerxía e reducir o impacto ambiental que estamos a xerar con tanto lixo.

7 – Organiza unha limpeza da veciñanza: xunta a uns amigos e formar unha expedición de limpeza do teu barrio, da praia, do parque,… así estarás a axudar a que os animais non se lesionen co lixo e fomentarás o espírito ecolóxico. Ahhh!!!! e non esquezas despois reciclar o lixo.

8 – Coida a biodiversidade urbana: cando saias a pasear, respecta a natureza e a contorna. Como? Pois non pisando herba e plantas nos parques e xardíns, recollendo a caca do teu can, non tirando cousas ao chan, facendo o menor ruído posible para non molestar aos animais,…

9 – Móvete de forma sustentable: cando teñas que desprazarte (para ir ao colexio, a un recado, a casa dos avós,…) tenta ir andando, en bicicleta ou en transporte público para evitar a contaminación do aire e a aceleración do cambio climático.

10 – Fai máis socios deste club: consegue que toda a túa familia e amigos fagan seu este proxecto e se unan para lograr unha cidade e un mundo máis ecolóxico.

 

E por suposto, podedes ampliar este decálogo con todas as cousas sustentables que se vos ocorran e se queredes compartilas con todos podedes deixalas na sección Xuvenil da Biblioteca Provincial. Si… xa vou… Síntoo,estanme chamando … Dáme mágoa ter que marchar porque tiña moitas máis cousas que contarvos… Pero, vémonos no próximo número!!!!! Moitas grazas a todos pola vosa colaboración!!!!! 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *