Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany: Ab ipso ferro (Do mesmo ferro)

Publicado el

Ab ipso ferro, procede da tradución da Oda 4.4 de Horacio, onde o poeta expón que os romanos emerxen das súas derrotas con forzas renovadas, do mesmo xeito que a aciñeira rebrota con vigor redobrado ao ser podada a ferro.

Bien como la ñudosa

carrasca, en alto risco desmochada

con hacha poderosa,

del ser despedazada

del hierro torna rica y esforzada;

Fray Luis de León: Oda a Felipe Ruiz

 

Estatua de Fray Luis fronte á Universidade

 

Fray Luis viviu unha vida convulsa, chea de persecucións a pesar de gustar da vida tranquila e austera. Nunha época onde as universidades escaseaban e cuxas oposicións ás cátedras de Teoloxía eran unha mostra máis das loitas existentes entre os agostiños e os dominicos, naquel entón patróns da Inquisición (ca. 1560), Fray Luis e outros dous novos catedráticos da Universidade de Salamanca foron denunciados á Inquisición pola tradución do Cantar dos Cantares do hebreo a lingua vulgar e por preferir a tradución hebrea da Biblia, sobre a Vulgata. Os tres serían encarcerados durante o proceso, e finalmente absoltos, pero un deles morrerá no cárcere e o outro retirarase da vida académica. Só Fray Luis volverá á súa cátedra tras cinco anos de cativerio, comezando a súa primeira clase como o fixo sempre, cun “Decíamos ayer…”.

 

Aula onde Fray Luis impartía a súa cátedra, conservada intacta

 

Ab ipso ferro será o emblema que Fray Luis de León adoptará á fronte das súas obras impresas tras saír de prisión. Ab ipso ferro é tamén o nome do Congreso Internacional de Poesía Fray Luis de León co que a Universidade de Salamanca homenaxeou a este autor no marco das Celebracións do VIII Centenario da Universidade, emulando ao II Congreso de Poesía celebrado en 1953, en La Flecha, onde se atopaba o mosteiro agostiño, e no que estiveron presentes os mellores vates do momento: Blas de Otero, Leopoldo Panero, Gerardo Diego, José Manuel Caballero Bonald, etc.

 

Copia da antoloxía do Congreso de 1953

 

Restos do Mosteiro de La Flecha

 

Nese mesmo lugar estiveron esta vez César Antonio Molina, Antonio Colinas, Andrea Bernal, Carmen de Silva, Manuel Lanseros, José Ramón Ripoll, Eloy Sánchez Rosillo e moitos outros referentes do mundo da poesía para crear unha nova antoloxía poética e renderlle homenaxe a Fray Luis case 500 anos despois.

 

Unamuno en La Flecha

 

Ao mesmo tempo, a Universidade de Salamanca tomará as súas palabras para a celebración do VIII Centenario, que se engloba baixo o slogan: “Decíamos ayer… diremos mañana”. Sen dúbida, aínda a día de hoxe, Fray Luis  de León segue renacendo Ab ipso Ferro

 

Programa do Congreso e información para os congresistas

 

Poema de Isabel Bernardo con motivo do Congreso
Colofón do poema de Isabel Bernardo

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *