Preguntas máis frecuentes

Preguntas máis frecuentes sobre o funcionamento, servizos e produtos da biblioteca.

INFORMACIÓN XERAL

Que horario ten a biblioteca? Ábrese as fins de semana?

Con carácter xeral, o horario da biblioteca é de luns a venres de 8.30 ás 20.30 h. e  os sábados de 09.00h a 14.00h. Péchase os días festivos. Excepto no verán, de xuño a setembro, que será de luns a venres de 08.30 a 14.00 e de 15.00 a 20.30.

Calquera incidencia relativa ao horario informarase a través das nosas redes sociais e na propia biblioteca.

Onde está a biblioteca e como podo chegar?

A biblioteca está situada na rúa Rego de Auga, nº 37, e comparte edificio co Teatro Rosalía de Castro. Se ten pensado vir en coche, teña en conta que estamos na zona centro e as posibilidades de aparcar son limitadas. Aínda que a zona conta con numerosos aparcadoiros de pagamento e as liñas de autobuses (1, 1A, 2, 2A, 3 e 3A).

Como podo contactar coa biblioteca?

Estes son os datos de contacto da biblioteca:

Teléfono: 981 080 175

Correo electrónico: biblioteca.info@dacoruna.gal

O edificio que alberga a biblioteca, está adaptado para persoas con mobilidade reducida?

Trátase dun edificio plenamente adaptado para persoas con mobilidade reducida polo que conta con ramplas de acceso e baños adaptados.

Canto custa utilizar a biblioteca?

Todos os servizos que se prestan na biblioteca son de balde.

Que me ofrece a biblioteca?

A biblioteca pon a disposición das persoas usuarias unha ampla colección de libros, cómics, xornais e revistas que se ofrecen para consulta e préstamo. Se o material demandado non está no catálogo, existe a posibilidade de solicitar unha desiderata ou suxestión de compra, ou ben recorrer ao préstamo interbibliotecario, o cal permite obter documentos doutras bibliotecas.

Ademais, organízanse numerosas actividades dirixidas á infancia, mocidade e persoas adultas, entre as que destacan exposicións, talleres, sesións de contacontos, cursos e clubs de lectura.

Así mesmo, hai computadores dispoñibles con acceso a internet.

En definitiva, a biblioteca é un espazo aberto a toda a cidadanía, cuxo obxectivo é converterse nun referente cultural dentro da comunidade á que serve.

Como podo coñecer as actividades que organiza a biblioteca?

A biblioteca organiza un gran número de actividades ao longo do ano dirixidas á infancia, mocidade e persoas adultas; talleres literarios, clubs de lectura, sesións formativas, charlas, conferencias, cursos sobre distintas materias, talleres infantís, concursos, etc. Ademais dos carteis  anunciadores das citadas actividades que se expoñen na propia biblioteca e os trípticos coa programación dispoñibles no mostrador de Préstamo e Información Bibliográfica, darase difusión a través da web e as redes sociais coas que conta a biblioteca:

http://www.bibliotecaspublicas.es/bp-diputacion-coruna/index.jsp

http://bibliotecadicoruna.blogspot.com (blog)

http://www.facebook.com/bibliodicoruna

http://twitter.com/bibliodicoruna (@bibliodacoruna)

http://pinterest.com/bibliodicoruna

Podo dirixir unha suxestión á biblioteca?

Si, a biblioteca dispón de impresos de suxestións, que poden ser solicitados no mostrador de préstamo. O usuario recibirá unha resposta no prazo máis breve posible.

Ademais, a través desta mesma páxina web no apartado de “Dúbidas”  a biblioteca pon a disposición da cidadanía a opción de presentar suxestións e reclamacións por vía telemática

CARNÉ DE BIBLIOTECA

Que se necesita para ter o carné da biblioteca?

Para gozar do servizo de préstamo individual, cada usuario debe proverse do carné, que se obterá presentando o DNI e unha foto tamaño carné.

Os lectores máis pequechos deben engadir aos datos a sinatura do seu pai, nai ou titor/a no impreso que quede en propiedade da biblioteca e renovar obrigatoriamente a súa solicitude cando pasen ao servizo de préstamo de adultos.

Todas as persoas usuarias comprométense a comunicar calquera variación nos datos que consten no cartón de préstamo durante o período da súa vixencia.

En que bibliotecas podo usar o meu carné?

O carné da Biblioteca Provincial da Coruña só dá acceso á biblioteca do mesmo nome.

Perdín o meu carné de biblioteca, podo obter un novo?

Expedirase un novo carné de biblioteca unha vez que a persoa usuaria comunique a súa perda ou subtracción.

En calquera caso, é importante que a persoa usuaria comunique inmediatamente á biblioteca a perda do seu carné, co fin de evitar un uso indebido por parte doutra persoa.

Podo usar o carné dun amigo ou familiar?

O carné de biblioteca é persoal e intransferible. Unicamente se admite a utilización dun carné alleo cando se xustifique adecuadamente que a persoa está impedida ou sofre unha enfermidade grave e conte coa sua autorización para empregalo.

SERVIZO DE PRÉSTAMO

Cantos libros e outros materiais podo sacar en préstamo?

O carné de adultos da biblioteca dá dereito ao préstamo de 3 libros de forma simultánea, 3 DVD, 3 CD e un libro electrónico. Cos carnés de Infantil e Xuvenil, vermello (7 a 9 anos), verde (de 9 a 11 anos), amarelo (de 12 a 14 anos) e morado (de 15 a 18 anos), pódense levar en préstamo individual, tres libros, 1 DVD, 1 CD, 1 CD-ROM e un número dunha revista.  Co carné de Bebeteca, azul claro (de 0 a 7 anos),  pódense levar tres libros, un audiovisual de cada (DVD, CD e CD-ROM) e un número dunha revista.

Hai algún material ou documento que estea excluído do préstamo?

A maior parte do material que está dispoñible na biblioteca pódese levar en préstamo, só hai algunhas pequenas excepcións: as obras de referencia (dicionarios, enciclopedias, etc.), e en xeral, as obras de uso frecuente; os manuscritos, incunables, raros e aquelas obras de particular interese histórico, artístico ou bibliográfico; os exemplares únicos de difícil reposición; as obras que, polas súas características especiais, estean excluídas do préstamo por decisión da Dirección da biblioteca.

Podo renovar os préstamos?

O préstamo de libros pode ser prorrogado en adultos ata outros 15 días máis de préstamo, se as necesidades do servizo o permiten. Os CD e DVD terán un prazo máximo de 7 días. Na Biblioteca Infantil-Xuvenil e Bebeteca os CD, DVD e CD-ROM terán un prazo de préstamo  de 15 días non prorrogables.

A renovación dos libros pódese facer por teléfono, dende a túa conta no catálogo ou na sección de Préstamo da biblioteca.

Como sei cando teño que devolver o material prestado?

No momento do préstamo o persoal da biblioteca anota a data de devolución nun adhesivo que, xeralmente, vai pegada na tapa do libro.

Cal é a sanción por devolver con atraso o material en préstamo?

Pasado o período de préstamo correspondente, sancionarase de acordo coa seguinte táboa:

Atrasos Penalización
Igual ou superior a 15 días ou tres de prazos inferiores a 15 días 1 mes
Reincidencia no anterior 3 meses
2ª reincidencia 6 meses
Superior a mes e medio 3 meses
Reincidencia no anterior 6 meses
Superior a  3 meses 6 meses ou cancelación definitiva da tarxeta de préstamo

Que ocorre se perdo ou dano o material da biblioteca?

Toda perda ou deterioración do material da biblioteca poderá ser obxecto de sanción, polo que se lle obrigará á persoa usuaria ao pagamento dos gastos orixinados pola reparación ou reposición do material prestado.

INFORMÁTICA

Que necesito para usar un computador? E durante canto tempo se pode usar un computador?

O uso dos computadores da sección de Préstamo está destinado a calquera persoa que o solicite, con independencia de que dispoña de carné da biblioteca, ou non, pero para uso exclusivamente de carácter bibliográfico. O tempo de uso destes computadores é de 15 minutos.

Na sección da Fonoteca precisarase o carné para  usar o computador. O tempo de uso será de 1 hora e 30 minutos como máximo.

Contan os computadores con programas de ofimática?

Si, os computadores dispoñen do paquete OpenOffice, un software libre que conta con procesador de texto, folla de cálculo, presentacións e bases de datos. Non obstante, e por cuestións de seguridade informática, non permitimos o acceso a dispositivos extraíbles, tales como, lapis de memoria ou discos auxiliares externos.

Pódense facer fotocopias ou imprimir documentos? Canto custa o servizo?

Si, o servizo de reprografía está a disposición das persoas usuarias para a reprodución exclusiva do fondo da biblioteca. No que incumbe aos dereitos de autor e propiedade intelectual respectarase o ditaminado no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o Texto refundido da lei de propiedade intelectual.

O prezo da copias é de 5 céntimos. As copias realizaranse, exclusivamente, con fins de investigación persoal de carácter cultural ou científico.

INSTALACIÓNS

Ten a biblioteca unha sala de estudo?

A biblioteca ten dúas salas dispoñibles. Poden utilizarse para o estudo individual, conxuntamente coa consulta do material propio da biblioteca e o desenvolvemento cotián dos servizos bibliotecarios.

Hai un espazo para traballar en grupo?

Si, as mesmas salas, poden utilizarse para facer traballos en grupo, a condición de que se respecte as demais persoas usuarias.

Hai un espazo na biblioteca exclusivo para os nenos e nenas?

Si, na planta baixa da biblioteca está a Biblioteca Infantil e Xuvenil, destinada a nenos e mozos ata os 18 anos e na segunda planta está a Bebeteca. Nelas hai unha ampla colección de libros, revistas e material audiovisual organizada por idades. Neste espazo tamén teñen lugar as actividades infantís.

Poden reservarse espazos da biblioteca para organizar actividades?

 

Todos os espazos da biblioteca son para as actividades propias, premios ou en colaboración.

OUTROS SERVIZOS

Organiza a biblioteca visitas guiadas?

Si, calquera centro educativo ou colectivo en xeral pode concertar unha visita guiada á biblioteca, na que se explicará o seu funcionamento,  servizos e seccións.

En que consiste “Pregunte: as bibliotecas responden”?

“Pregunte: as bibliotecas responden” é un servizo de información e referencia que permite enviar preguntas ou dúbidas sobre diversos temas os 365 días do ano, co compromiso de recibir unha resposta elaborada por un bibliotecario no correo electrónico nun prazo máximo de 72 horas. Ademais, tamén se presta un servizo de referencia virtual en liña, é dicir, respostas en tempo real. No servizo Pregunte colabora un bo número de bibliotecas públicas españolas.

Máis información en: http://www.pregunte.es/

Gustaríame doar os meus libros á biblioteca, como debo facelo?

As doazóns de libros e outros materiais contribúen a enriquecer o fondo documental da biblioteca. Con todo, para ser operativas, as doazóns deberán ser valoradas como paso previo á súa aceptación. Por este motivo, solicitarase unha listaxe das obras para doar cos seus datos básicos (autor, título, editorial e ano de publicación), sen esquecer os datos de contacto da persoa que fai a doazón.

A biblioteca imparte algún tipo de curso de formación?

Un dos principais labores da biblioteca é o de formar as persoas usuarias en materia de habilidades informacionais. Regularmente levan a cabo actividades formativas deste tipo.

Hai na biblioteca máquinas para comprar comida ou bebidas?

Non, a proximidade á biblioteca dun gran número de bares e cafeterías levou a descartar a idea de colocar máquinas expendedoras de comida e bebida.