A Biblioteca no CULTURGAL 2019

Publicado el

A Biblioteca participará o sábado día 30 de novembro de 2019 na Feira das Industrias Culturais CULTURGAL 2019 que se celebra toda a fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, na Rúa Alexandre Bóveda s/n.

O CULTURGAL é a Feira da actividade cultural en Galicia; unha cita de referencia que en 2019 se celebra do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra co lema “Dálle unha volta á Feira!”. Durante 3 días a Feira presenta unha programa de actividades que se espallan polos diferentes escenarios: Carpa, Libro, Foro, Familiar, Audiovisual, Arte Contemporánea. En total, máis de cen actos e actividades nunha programación que se constrúe coas propostas de empresas, artistas e institucións. Milleiros de persoas gozan cada ano dunha Feira que, cunha entrada a prezo popular, permite descubrir que é o se fai e que é o que vai vir no ámbito cultural en Galicia.

No caso da Biblioteca, estaremos presentes para dar a coñecer o club de lectura dixital EbiblioDaCoruna, unha ferramenta única en Galicia que permite a calquera persoa socia de calquera biblioteca pública municipal da provincia da Coruña asistir virtualmente a un club de lectura guiado por unha profesional, comentar a lectura, citar o libro, chatear en directo con autores e autoras, ler entrevistas ou ver vídeos que amplían a información sobre as lecturas. De xeito gratuito e sen horarios.

A promoción desenvolverase durante todo o día 30 de novembro.

Ás 11:00 h presentaremos o club de lectura dixital EbiblioDaCoruna, o club virtual da Deputación da Coruña para dar servizo ás bibliotecas públicas municipais dos 93 concellos da Provincia que se basea na plataforma de préstamo dixital do mesmo nome.

Ademáis, das 16:30 ás 19:45 h esperámosvos no posto que a Deputación da Coruña ten no Culturgal para dar de alta a todas as persoas que queiran utilizar a plataforma EbiblioDaCoruna. Entre todas as persoas que se den de alta neste horario sortearemos un e-Reader.

O sorteo realizarase no posto da Deputación da Coruña o mesmo sábado día 30 ás 20:00 h.

Agardámosvos!

Máis información sobre o sorteo: Sorteo Culturgal 2019

 

Máis información sobre o Culturgal 2019: CULTURGAL 2019

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *