80 anos de exilio

Publicado el

 

 

Decidme cómo es un árbol.

Decidme el canto del río

cuando se cubre de pájaros.

Habladme del mar, habladme

del olor ancho del campo,

de las estrellas, del aire.

ANA, Marcos: extracto do poema La vida, (prisión de Burgos, 1960)

 

 

Hai xa uns meses que se anunciou a creación da Comisión interministerial que conmemorará en 2019 o 80 aniversario do exilio emprendido polos republicanos tras a conclusión da Guerra Civil. Neste ámbito van colaborar varios países hipanoamericanos (especialmente México) e o goberno francés, ademais de 8 ministerios, entre eles o de Cultura e Deportes, xa que a Guerra Civil e o exilio posterior foron, como acontece en todas as ditaduras e totalitarismos, especialmente cruentos cos intelectuais que se negaron a acalar as súas ideas.

Ben coñece esta circunstancia César Antonio Molina, cuxos familiares vivírono nas súas propias carnes: César Alvajar Dieguez e Amparo López Jean tiveron que exiliarse a Francia para fuxir da represión militar, xa que César Alvajar foi xulgado e condenado en rebeldía, feito que lembrará a súa filla Ana María Alvajar L. Jean nas súas memorias. Quizais sexa este un dos motivos polos que este 15 de febreiro César Antonio Molina formou parte do “Parlamento poético” que se realizou en Segovia, onde se trataron os principais temas que preocupaban ao tamén exiliado Antonio Machado, polo que el sente unha especial inclinación. Tampouco Mercedes Monmany é indiferente ao exilio e a represión e os seus últimos ensaios afondan na opresión política sufrida por intelectuais. Destaca a súa obra Ya sabes que volveré, sobre tres escritoras de Auschwitz, que recentemente gañou o Premio de Ensayo Caballero Bonald.

Foron moitos os escritores exiliados tras a Guerra. Algúns, como Machado, non volveron a pisar solo español, pero acadaron gran fama nos seus países de acollida. Tamén foi o caso de Juan Ramón Jiménez, que conseguiu o Premio Nobel de Literatura mentres vivía na que foi a súa segunda patria: Porto Rico. Outros tiveron máis sorte e viviron o suficiente para poder regresar tras a morte de Franco, como Rafael Alberti, que morrería na terra que o viu nacer. Algúns tiveron que esperar á morte do ditador para que o seu labor de toda a vida fose recoñecida, como María Zambrano, cuxos primeiros e tímidos premios e recoñecementos foron obtidos con máis de oitenta anos, chegando en moi pouco tempo a acumular finalmente os dous maiores galardóns literarios concedidos en España: o premio Príncipe de Asturias e o Premio Cervantes.

Pero houbo quen non tivo tanta sorte, como Federico García Lorca, o poeta de maior influencia da literatura española do século XX, que morría fusilado aos 38 anos de idade, tras terse negado a exiliarse, créndose a salvo na súa terra natal, entre familiares e amigos. Algúns morrerían nos miserables cárceres da posguerra, onde a enfermidade e a tortura eran habituais, como foi o caso de Miguel Hernández. Outros, a pesar de atoparse nelas, aferraríanse á vida e farían do mesmo feito de seguir vivindo un acto de valentía e mesmo de rebeldía, como foi o caso de Marcos Ana, que foi o preso político que máis anos estivo no cárcere durante a ditadura franquista, liberado finalmente en 1961, grazas á actividade de por a entón recentemente fundada Amnistía Internacional.

Desde a Biblioteca Pública da Deputación da Coruña queremos sumarnos ao recoñecemento a estes autores e convidámosvos a que o 2019 sexa un ano de reflexión e lecturas sobre o exilio e a represión intelectual e ideolóxica, non só de España, senón a nivel internacional. Aquí deixámosvos algunhas suxestións de lectura, que poderedes atopar na Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany, no segundo andar da Biblioteca.

 

César Antonio Molina visitaranos este 20 de febreiro na Biblioteca, onde está programado un encontro literario entre as 18:00 e as 20:00 h con todas as persoas que se queiran achegar.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *