40 anos da Constitución de 1978

Publicado el

Os deputados e senadores elixidos democráticamente o 15 de xuño de 1977 aproban en sesión plenarias de ambas Cámaras o texto definitivo da Constitución española o 31 de outubro de 1978.

O presidente do Congreso, Fernando Álvarez de Miranda, define a Constitución antes da votación como “modesta, realista e ilusionada”, e explica que a súa “falta de esplendor representa unha clara testemuña da honestidade coa que se procedeu na súa elaboración”. Con ela inícase unha etapa, segundo as súas palabras, “cuxo alcance descoñecemos, pero cuxa significación é, desde este mesmo solemne momento, histórica”.

 

 

 

Tras a aprobación, os cidadáns e as cidadás ratifican o texto mediante referéndum o día 6 de decembro do mesmo ano, unha data que se conmemora anualmente e que nesta ocasión cobra unha especial significación por acadar o número 40.

O paso definitivo dase coa sanción polo Rei Juan Carlos I o 27 de decembro, e a publicación no Boletín Oficial do Estado o 29 de decembro de 1978.

 

Nestes meses, como comentamos, estamos a celebrar o 40 aniversario da Constitución, e con este motivo diferentes organismos, pero particularmente o Congreso dos Deputados, organiza unha serie de actos e leva a cabo accións para dar a coñecer máis polo miúdo ese momento histórico. Neste sentido, recomendamos a visita á páxina web https://www.constitucion40.com/ para seguir a actualidade e a axenda dos actos conmemorativos.

Desde a Biblioteca da Deputación sumámonos a esta celebración que ten o seu fito álxido no día 6 de decembro, aniversario do referéndum, difundido un exemplar da Constitución moi especial e que forma parte dos fondos da Biblioteca.

 

 

O exemplar ao que nos estamos a referir é o número 159 dunha tirada única e limitada de 250 da edición de Colecciones Privadas-Arte contemporáneo de 1981, única na historia constitucional e editorial do noso país.

Esta monumental edición recolle o texto íntegro da Constitución, en papel Super Alfa de Guarro Casas, de fabricación especial, utilizando follas de 53 x 59 cm., e 160 gr., con filigrana especial.

Inclúe 41 grabados orixinais dos máis notorios artistas plásticos españois contemporáneos, representativos de diferentes estilos e tendencias, como Joan Miró, o Equipo Crónica, Eusebio Sempere, Antonio Saura ou Modesto Cuixart, estampados á augaforte e augatinta, serigrafía e litografía, no mesmo tipo de papel de 200 gr., todos asinados e numerados polos artistas, e con selo en seco no ángulo inferior dereito.

 

Os caracteres do texto son similares aos empregados na confección de libros no século XVI.

 

A encadernación é de López Valencia, realizada a man en pel de cabra, con grecas das cubertas e o lomo grabadas en ouro. A caixa de conservación inclúe un selo en bronce do Congreso dos Deputados. A totalidade do exemplar máis a caixa pesa máis de 10 quilos.

 

Os catro primeiros exemplares da edición foron destinados ó rei Juan Carlos I, a Biblioteca Nacional, o Congreso dos Deputados e o Senado. O quinto foi entregado ó secretario xeral das Nacións Unidas Kurt Waldheim que o quixo recibir persoalmente de mans dos editores. O resto dos exemplares forma parte de coleccións de institucións bancarias, políticos do Goberno e da oposición e a Biblioteca da Deputación da Coruña.

O exemplar da Biblioteca Nacional foi exposto o mesmo ano da súa edición na propia biblioteca, durante unhas semanas.

No caso do exemplar que se conserva na Biblioteca da Deputación, coa signatura RA/27, non está exposto ao público, pero pode ser consultado se algunha persoa o desexa, ademais de ser mostrado habitualmente nas visitas guiadas que se organizan periodicamente en datas sinaladas como o Día da Biblioteca, ou o Día do Libro.

 

 

 

 

Información extraída do exemplar, xornal ABC, Subastas Durán e da páxina web do Congreso dos Deputados de de www.constitucion40.com

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *