21 de xuño Día Internacional da Música

Publicado el

O 21 de xuño celébrase a Festa da Música, coincidindo co día do solsticio do verán. Con este motivo realízase a festa popular da música, con concertos, música en directo e manifestacións populares espontáneas.

Desde 1982 o ministerio de cultura de Francia conmemora a Festa da Música ou Fête de la Musique, pero ano a ano foise estendendo a celebración de xeito que a día de hoxe xa se trata dunha festa europea e internacional presente en tódolos continentes e máis dun cento de países, incluida España.

Este ano, polas circunstancias especiais que estamos a vivir, as celebracións trasládanse ás redes sociais e á Internet, de xeito que medran as convocatorias para asistir a concertos en liña ou a través dos canais dos artistas participantes.

A Biblioteca súmase tamén a esta celebración, compartindo música dun xeito moi especial: queremos difundir a colección de rolos de pianola conservados entre os nosos fondos.

Os rolos de pianola son tiras de papel perforadas e enrolladas a un cilindro de madeira, que reproducen pezas musicais ao adaptarse aos pianos automáticos. Unha vez montados sobre os aparatos reprodutores, emiten os sons tal e como foron consignados no rolo. Segundo a época e a tecnoloxía empregada, algúns permiten a interpretación do pianolista a través do uso dos pedais e dos mandos que existen no piano, mentres que outros conteñen as perforacións de tempo e intensidade para que sexa o propio aparato o que reproduza todos os aspectos da grabación tal e como foi feita en orixe polo intérprete que realizou a grabación.

Moitos destes rolos foron grabados por pianistas e virtuosos moi coñecidos no primeiro cuarto do século XX, e incluso polos seus propios compositores, de xeito que son un material moi valioso que contén interpretacións orixinais dos pianistas compositores das pezas.

Os rolos estaban feitos de papel fino, con notas musicais en forma de buratos no papel. Os rolos tiñan moitos formatos e tamaños diferentes, e de feito non houbo unha certa normalización ata 1910, cando se introduxo o estándar das 88 notas, aceptado en todo o mundo. Aínda que iso non impediu seguir producindo rolos para pianolas de 65 notas, entre outros. Hai que ter en conta que nunha pianola reprodutora só podían reproducirse os rolos grabados para dito instrumento. E hai ducias de diferentes tamaños de rolos.

En canto ao repertorio, era moi variado. Unha gran parte da música composta para piano estaba dispoñible en rolos. Ademais había unha ampla variedade de música orquestral en piano para dúas ou catro mans, transcricións, música clásica (sinfonías, oberturas), música popular, ópera, opereta, música bailable… En definitiva, todo o que podía ser tocado nun piano podía rematar convertido nun rolo de pianola.

En canto á súa fabricación en España, en 1905 Joan Baptista Blancafort abre a fábrica de rolos de pianola «La Victoria» en La Garriga, e comercializou varias marcas: Best, Victoria e Ideal, exportando a Europa, América e Oceanía. Tamén eran españois os rolos Diana, Princesa e E.R.A.S.A.

Os rolos de pianola conservados na Biblioteca da Deputación son de orixe maioritariamente americana, especialmente Cuba e Estados Unidos.

 

 

Fontes: Centro de Documentación Musical de Andalucía

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *